Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O AUDITORIO ACOLLE ESTE SÁBADO UNHA COMEDIA MUSICAL PARA CRIANZAS A PARTIR DE TRES ANOS

Maio Creacións levará ao escenario o espectáculo A viaxe de Mina, que reflexiona arredor de valores como a tolerancia e a empatía a través das aventuras da protagonista

O Concello de Cedeira programou para este sábado un espectáculo musical dirixido ás crianzas de máis de tres anos. A compañía Maio Creacións porá en escena A viaxe de Mina, unha montaxe na que, a través das aventuras da protagonista, se fala da igualdade, do respecto á diferenza, da tolerancia ou da empatía, entre outros valores.

Unha nena chamada Mina é a protagonista desta comedia musical. Ela é unha nena feliz, segura de si mesma, con personalidade e… gorda, unha circunstancia mal vista pola sociedade que a rodea. Ela quere vivir nun mundo no que se acepte ás persoas diferentes, así que emprende unha viaxe interestelar na que aprenderá moito e deberá tomar decisións importantes.

Sobre o escenario estarán Jorge Casas, actor e director, responsable tamén das composicións musicais e da escenografía, e a actriz Lore Hermida. Detrás do telón, forma parte indispensable de Maio Creacións a produtora Alba Casas.