Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O ALCALDE SOLICITA Á XUNTA QUE INICIE OS ESTUDOS PREVIOS PARA A MELLORA DA AC-566 NA ZONA DE LANDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira Carmela Prieto reuníronse recentemente coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para falar do avance nas obras de mellora do trazado da estrada AC-566. No encontro, que tivo lugar no Edificio Administrativo de Monelos, na Coruña, o rexedor local expresou a satisfacción do goberno municipal polo bo ritmo destes traballos e a minimización das molestias para o tráfico rodado, ao tempo que reclamou que se inicien os estudos previos para acometer a mellora do tramo das curvas de Landeira.

As obras que está a executar a Consellería afectan a catro quilómetros desta estrada que une Valdoviño e Cedeira, concretamente desde a saída do primeiro dos concellos ata a zona da Ramalleira. A intervención supón o ensanchamento da calzada nalgúns tramos para incorporar un terceiro carril e a rectificación das curvas máis pronunciadas e perigosas. Moreda Gil recoñeceu a importancia deste proxecto, longamente demandado, pero solicitou tamén que o departamento de Ethel Vázquez comece os estudos previos para facer posible unha intervención similar no tramo de Landeira, que abrangue un percorrido de algo máis de dous quilómetros nos que se suceden 25 curvas. “Sabemos que a definición e posta en marcha dunha obra deste estilo leva anos, e comprendemos que son moitas as zonas de Galicia que teñen necesidade de mellorar as súas infraestruturas viairas, porén, cómpre comezar os estudos previos para que a mellora sexa realidade nun prazo razoable”, explicou Moreda.

Xunto con esta demanda, o alcalde de Cedeira solicitou á conselleira outra intervención, esta con carácter máis inmediato, para arranxar a AC-566 no seu último tramo, no que discorre pola entrada á vila ata a rotonda da praza de Galicia. Segundo explicou, a calzada precisa unha nova capa de aglomerado e o novo pintado da sinalización horizontal, xa que se atopa en mal estado. É unha zona, recordou, que ten moita intensidade de tráfico, especialmente no verán.