Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O alcalde destaca as obras de mellora da AC-566 como un logro que contribuirá a dinamizar a economía de Cedeira

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, quere trasladar a satisfacción do goberno local polo próximo comezo das obras de mellora da AC-566 e compartir con toda a cidadanía de Cedeira este logro que contribuirá non so a facer a estrada máis segura, senón tamén a abrir novas oportunidades de negocio e xerar emprego na lodalidade.

Moreda Gil recorda e valora os anos de espera e de xestións diante da Xunta ata chegar ao momento actual, no que xa restan 18 meses “ para que xa esteamos a utilizar unha estrada que ofreza seguridade ás persoas e futuro á comunidade local”.

O rexedor municipal considera que a realización deste proxecto representa “un dos grandes éxitos deste mandato e dos últimos anos” e destaca así mesmo as características dunha obra adxudicada pola cantidade de 3,6 millóns de euros e que se materializará no tramo comprendido entre a saída do municipio de Valdoviño e A Ramalleira, lugar situado na parroquia de Pantín.

O inicio da intervención sitúase no próximo mes de novembro e o proxecto consistirá na redefinición do trazado ao longo de case catro quilómetros da estrada, dotándoa dun terceiro carril para vehículos lentos naquelas zonas nas que sexa posible e coas mínimas afeccións ambientais nos espazos de protección da Rede Natura.

Para a realización destas actuacións é necesario incrementar o ancho da infraestrutura viaria, así como reforzar o seu firme ao longo de algo máis de dous quilómetros. Nos 1,9 km restantes, se procederá á rectificación de curvas, á mellora das interseccións ou cambios de sentido e ao aumento da sección, creando un carril adicional para facilitar os adiantamentos. Segundo o proxecto, case a metade do tramo obxecto da actuación contará con este tipo de carril, o que reducirá nun 30% o tempo de tránsito. Cabe recordar que a día de hoxe a liña continua prolóngase por oito quilómetros dunha estrada pola que circulan unha media de 5.000 vehículos ao día e cun índice de perigosidade elevado.

A vía manterá no seu conxunto o seu trazado actual para non afectar ás numerosas edificacións que existen a ámbalas dúas marxes da AC-566 ao tempo que se contempla a rectificación da curva situada na zona da canteira e a realización de carrís adicionais durante o tempo que duren as obras para garantir adiantamentos máis seguros.