Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O alcalde de Cedeira acusa de desleixo aos responsables de sanidade pola demora na ampliación do Centro de Saúde

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, calificou de “lamentable” o desleixo que están a mostrar os responsables de Sanidade da Xunta de Galicia con respecto á ampliación do centro de saúde da localidade.

O rexedor municipal explicou que leva medio ano esperando que o titular da Consellería, Jesús Vázquez Almuiña, poña data á reunión solicitada polo Concello para avanzar na realización dun proxecto que “resulta prioritario” e para o que o Concello xa “fixo os deberes” coa compra da propiedade coa que se poderá incrementar ata un 40% a actual capacidade do actual centro médico. A adquisición supuxo un desembolso superior aos 60.000 euros.

Moreda Gil, que destacou o elevado número de chamadas que se están a producir desde o Concello para concretar a reunión, considerou que a ausencia de resposta por parte Sanidade obedece “á falta de compromiso e seriedade” dos seus responsables, aos que lles recorda que existe un acordo do Parlamento de Galicia polo que se instaba á Xunta a dialogar co concello de Cedeira sobre os servizos de asistencia sanitaria dispoñibles no municipio e sobre a posibilidade de chegar a acordos para a mellora do centro de saúde e a súa ampliación, que “se debe cumprir”. Apuntou, ao fío do mesmo tema, que existe xa un anteproxecto e unha moi boa sintonía co xerente de Xestión Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, para a realización dunha obra que virá a satisfacer as necesidades que, en materia de sanidade, agora existen no municipio e que foron denunciadas pola veciñanza coa celebración de concentracións diante do centro de saúde. Entre outros problemas, o equipo de goberno apuntou no seu día deficiencias estruturais no servizo de urxencias (PAC), a falla dunha sala acondionada para cirurxía menor, a necesidade de reubicar a área de pediatría e mesmo a de mellorar a accesibilidade á zona de consultas. O rexidor de Cedeira tamén recordou que na actualidade o municipio carece de consulta pediátrica propia, polo que “unha vez a semana ten que vir o de Valdoviño a pasar consulta”.

O alcalde urxe aos responsables de Sanidade a atopar a data na que se poda celebrar a reunión solicitada e a traballar de maneira conxunta para poder ofrecer mellores prestacións sanitarias á veciñanza e mesmo aos visitantes e turistas ocasionais.