Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVENTA NENOS E NENAS DO CEIP DE CEDEIRA PUXÉRONSE ONTE NA PEL DE INVESTIGADORES DO MUSEO MARES

O Museo Mares de Cedeira celebrou onte o Día Internacional dos Museos cunha actividade que pon de relevo o traballo de investigación que que hai detrás de cada peza, un labor pouco coñecido pero esencial en calquera destes espazos. Uns 90 nenos e nenas de 3º e 4º de Primeria do CEIP Nicolás do Río convertéronse esta mañá en investigadores de museo e pescudaron, a través dun xogo de pistas, a vida e a utilidade dalgúns dos obxectos catalogados no Mares, vencellados todos á vida mariñeira da propia localidade.

Tal como explicou Lucía Brage, a técnica responsable da exposición cedeiresa, cada obxecto que se amosa ao público nun museo require dun estudo sobre a súa orixe, utilidade, historia… precisamente para ofrecer a información que permitirá ao público coñecela no seu contexto e valorala. Este é o traballo que o Mares encomendou onte á cativada do colexio, que acudiu en varios grupos ao longo da mañá, para participar no xogo.

Construíron para comezar un barquiño de papel co que foron navegando polos fondos da exposición, saltando de peza en peza e investigando a través de cada unha como era o traballo dos carpinteiros de ribeira, ou obxectos como a roda de timón, como se facía o bautismo dun barco, que aparellos empregaban os mariñeiros da vila… No xogo tiveron que indagar e buscar pistas para descubrir, por exemplo, cales son os residuos que aparecen no fondo do mar, cal é a particularidade da cuncha do Argonauta Argo que teñen na mostra ou empregar o código internacional de banderas para descifrar unha mensaxe oculta.