Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Nace en Cedeira o Club Cedeira Basket Street

NACE EN CEDEIRA O CLUB CEDEIRA BASKET STREET

Xurde en Cedeira o club Cedeira Basket Street, unha iniciativa coa que Isaac Taracido Mariña, como presidente da entidade, quere facer do baloncesto, ao igual que xa ocorre co bádminton, o remo ou a natación, unha disciplina de referencia do deporte cedeirense.

A presentación oficial do club terá lugar o próximo mércores (día 12), ás 19.30 horas, con motivo da celebración dun partido amistoso entre o Baxi Ferrol (antigo Universitario) e o Club Polideportivo Bembibre. A asistencia é gratuíta.

Ademais a entidade traballa para darse a coñecer noutros ámbitos. E así o está a facer, cunha nota enviada a través da Anpa Picapeixe do colexio Nicolás del Río, na que se informa aos pais e nais de que o baloncesto se incorporará ao programa de actividades extraescolares. Trátase dunha iniciativa pensada para nenos e nenas con idades comprendidas entre os catro e seis anos. A intención do club é comezar a impartir a actividade a partir do próximo mes de outubro. Os interesados xa poden anotarse no CEIP.

Tamén por esas datas está prevista a posta en funcionamento da escola de baloncesto, aberta á participación de todas as persoas que desexen tomar contacto con esta disciplina deportiva, sexa cal sexa a súa idade. O polideportivo municipal acollerá esta iniciativa e tamén será a referencia para os veciños que desexen apuntarse.

Isaac Taracido Mariña considera probable que o equipo xuvenil agora en formación, no que están a participar rapaces con idades entre 14 e 18 anos, poida incorporarse á competición oficial a partir da tempada 2019-2020 cunhas camisetas nas que predominarán as cores azul e amarela.

Hai máis de oito anos que o baloncesto deixou de estar presente na vida deportiva de Cedeira, na que estivera desde o ano 1990 da man do CBC (Club Baloncesto Cedeira), polo que desde o goberno municipal se está a aplaudir a iniciativa e se está a brindar a súa total colaboración ás persoas que tratan de levala a cabo.