Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOREDA GIL REPASOU COA NOVA DELEGADA TERRITORIAL DA XUNTA OS PRINCIPAIS PROXECTOS PARA O MUNICIPIO

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, mantivo esta semana unha reunión coa nova delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, coa que puido repasar tanto actuacións realizadas como proxectos e demandas pendentes do municipio. Do encontro destacou Moreda o “ambiente positivo e o interese da responsable por coñecer todos os temas de Cedeira”, así como a súa disposición para realizar diferentes xestións. A primeira foi xa a axilización dunha entrevista que tiña pedida o goberno local con técnicos da Consellería de Sanidade para abordar cuestións relativas á ampliación do Centro de Saúde, que coa mediación de Aneiros quedou fixada para o día 19 e contará coa presencia do conselleiro, Julio García Comesaña.

Moreda Gil valorou a importancia que ten para a comarca contar coa Delegación Territorial da Xunta, unha instancia que permite abordar os problemas de xeito máis directo e próximo. Nesta primeira toma de contacto, o alcalde e a delegada autonómica falaron das demandas máis importantes que ten Cedeira sobre a mesa da administración autonómica. É o caso da ampliación do Centro de Saúde, unha cuestión na que están traballando tanto o Concello como a Xunta, e da solicitude presentada para a construción do Centro de Día.

O alcalde presentoulle tamén a Martina Aneiros a demanda, compartida pola dirección do centro e a comunidade educativa e ademais presentada no Parlamento Galego, de cubrir o patio de quinto e sexto de Primaria no CEIP Nicolás do Río. Ao respecto desta demanda, o rexedor expuso que o Concello de Cedeira ten asumido nos últimos anos intervencións non estritamente de mantemento, entre as que está a recente renovación do pavimento de caucho na zona de xogos de Infantil (o Concello investiu 10.000€, a metade do custo), e que na mesma liña acaba de consignar 55.456,84€ dos presupostos municipais para un novo pavimento de formigón no patio do areal (29.942,17€) e a instalación dun xogo de madeira (25.514,67€) no patio de area do colexio. “O papel do Concello non é so pedir, senón que estamos a colaborar e facer cousas tamén para contribuír á mellora do equipamento do centro”, apuntou Moreda.

Na reunión abordouse o avance das obras que está a levar adiante a Xunta de Galicia na estrada AC-566 que vai de Valdoviño a Cedeira para mellorar o trazado e eliminar algunhas curvas perigosas. Ao fío disto, o alcalde recordou as demandas, xa presentadas diante da Consellería de Infraestruturas, de actuar tamén para mellorar o trazado desta estrada no tramo de Landeira, no que os vehículos atopan unhas 25 curvas en algo máis de dous quilómetros, e da necesidade, máis urxente, de que se renove o pavimento e a sinalización horizontal do último tramo deste vial, na entrada ao casco urbano cedeirés, dado o mal estado que presenta.

Tiveron ocasión tamén de repasar algúns proxectos dos últimos anos que implicaron ao Concello e á Xunta, como o convenio para o saneamento ou a ampliación da escola infantil da Galiña Azul, na que a institución municipal acaba de rematar o arranxo das fachadas exteriores, tal como tiña comprometido.

O alcalde amosouse moi satisfeito pola acollida da delegada territorial, á que invitou a visitar Cedeira proximamente.