Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIÓN PARA RECLAMAR A CUBRICIÓN E ADECUACIÓN DO PATIO DO AREAL, NO COLEXIO NICOLÁS DO RÍO

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, informou de que o grupo de goberno vai presentar unha moción, para o seu debate na próxima sesión do pleno da corporación, na que se instará á Xunta de Galicia a construír unha cuberta e mellorar o pavimento do patio das aulas do Areal, no CEIP Nicolás do Río. “Levamos varios meses en conversas coa dirección do centro para coñecer as melloras que precisa o centro e esta é unha necesidade que se convertiu en prioridade coa pandemia”, explicou Moreda.

A moción que está a preparar o goberno local, para a que o alcalde confía en ter o apoio unánime do pleno, vai dirixida a solicitar da Xunta a instalación dunha cuberta no patio das aulas do Areal, nas que están as clases de 5º e 6º de Primaria, así como a renovación do pavimento. Segundo explicou o alcalde, a intervención debería ir ligada á creación dun espazo para fomentar os xogos inclusivos e en igualdade, alonxado daqueles ocupados exclusivamente por unha cancha de baloncesto ou de fútbol.

“Os nenos e nenas, e o profesorado, están a facer un grande esforzo durante este curso para manter as medidas de distanciamento, as burbullas… e o feito é que os días que chove non hai espazos cubertos abondo fóra das aulas e algúns grupos teñen que quedar dentro”, explicou o alcalde. “O Concello, a administración que está máis pegada á realidade da comunidade educativa, vaille trasladar esta necesidade á Consellería de Educación, que é a que ten as competencias da creación e mellora das infraestruturas”, dixo Moreda Gil.