ANALÍTICAS NO RÍO E NA RÍA
Plan de Control de Verteduras
En novembro de 2017, dentro da sexta campaña do Plan de Control de Verteduras, técnicos de Augas de Galicia realizaron análises en diferentes lugares do noso municipio. Os resultados mostraron que se estaban a producir descargas contaminantes en tres puntos situados entre a estación de bombeo e a desembocadura do río Condomiñas.
Como resultado do plan de acción que o Concello de Cedeira, en colaboración coa empresa concesionaria, desenvolve para eliminar estas verteduras, detectáronse as seguintes incidencias:
- Localízase unha conexión errónea nun inmoble da Rúa do Mariñeiro. Esta conexión foi corrixida en xaneiro de 2018, polo que se espera que as próximas analíticas sexan correctas.
- Un segundo foco de contaminación é causado pola deficiente separación entre pluviais e fecais dun inmoble situado na Praza Roxa. Notificouse este feito á comunidade de veciños para que, en colaboración con Viaqua, se resolva o problema.
- Tras unha inspección da rede de saneamento con cámara CCTV, detectáronse catro posibles conexións erróneas na Avenida de España, a Rúa México e a Rúa Convento. Neste momento continúan a realizarse comprobacións para concretar a orixe do problema.
Desde o Concello de Cedeira lémbrase a obrigatoriedade de que as conexións ao sistema público de saneamento e depuración sexan correctas e que en ningún caso as augas residuais poden chegar á rede de augas pluviais.
Augas de baño en 2018
As últimas analíticas realizadas desde o Servizo Galego de Saúde cara á vixilancia da calidade das augas na tempada de baño mostran resultados moi bos para as praias da Area Longa e da Madalena. Estes resultados de controis microbiolóxicos están dispoñibles na páxina web do SERGAS.
A clasificación sanitaria final que será vixente para esta tempada de 2018 é a seguinte:
- Area Longa: boa.
- A Madalena: suficiente.
Cómpre lembrar que a clasificación sanitaria se realiza cunha serie de datos obtidos durante polo menos catro tempadas de baño.