Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Máis de mil persoas esixen en Cedeira a restitución do servizo de pediatría

O pobo de Cedeira, aos berros de “En Cedeira pediatra XA” e “Pagamos impostos, queremos servizos”, saíu onte á rúa para esixir a inmediata restitución do servizo de atención pediatría vinculado ao centro de saúde da localidade.

A convocatoria que partiu da plataforma cidadá “En Cedeira pediatra Xa” e que conta co apoio explícito do equipo de goberno, reuniu a máis de 1.000 persoas nun acto reivindicativo que deu comezo ás 12.30 horas no centro de saúde e rematou pasada a unha da tarde na praza Roxa coa lectura dun manifesto.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, valorou a masiva participación, “hoxe máis que nunca síntome orgulloso do pobo de Cedeira”, ademais de estimar que se tratou da mobilización máis numerosa das celebradas nos últimos vinte anos. Moreda considerou que “o poder do pobo é imparable” e asegurou que se trata dunha reivindicación xusta “polo que non imos parar ata que desde a Xunta de Galicia non se lle de unha solución”.

Neste sentido, tamén se pronunciou Davide Loimil, membro da plataforma cidadá, quen calificou de “éxito” a mobilización e sobre a que destacou a implicación conxunta de todo o pobo de Cedeira. Loimil entende que “a Xunta ten que traballar para darlle solución ao problema” e asegurou que “non pararemos ata que se garanta o dereito das nosas fillas e fillos a recibir atención pediátrica no centro de saúde”.

Pala súa banda, a portavoz do BNG na corporación, María Xosé Rodríguez, destacou o éxito da convocatoria e sinalou a intención do Bloque a implicarse na reivindicación da plataforma “porque está fundamentada” e porque “desde a Xunta estanse a facer moi mal as cousas en canto á sanidade e a atención primaria en particular”.

Descarga PDF manifesto da plataforma cidadá “En Cedeira pediatra Xa”.