Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MÁIS DE 400 NENOS E NENAS ACUDEN AOS CAMPAMENTOS DE VERÁN DO CONCELLO E DE DIFERENTES ENTIDADES DE CEDEIRA

A conciliación da vida familiar e laboral ten múltiples opcións este verán en Cedeira. O Concello promove o Campamento Urbano que se desenvolve nas instalacións do colexio Nicolás do Río, pero xunto con esta opción, desde o goberno local destacan a iniciativa das asociacións e entidades deportivas da localidade, que conforman unha oferta variada e de calidade para os nenos e nenas da localidade e os veraneantes. En total, cada mañá de xullo e agosto hai máis de 440 nenos e nenas de entre 3 e 14 anos participando nas diferentes propostas, que comparten todas o carácter lúdico e tamén formativo, e que facilitan espazos de aprendizaxe de hábitos saudables, de integración e de valores para a convivencia.

O Campamento Urbano do Concello de Cedeira acolle a 40 participantes, en quendas quincenais ou mensuais, e desenvólvese nas instalacións do CEIP Nicolás do Río. Nenos e nenas nados entre os anos 2010 e 2017, ambos os dous incluídos, participan neste programa, que permite ás familias elixir entre dúas horas de entrada e de saída, ás 09.00 ou 10.00 h e as 13.00 ou 14.00 h. As propostas que se desenvolven ao longo da mañá son do máis variado, moitas delas para todos os participantes e outras adaptadas aos diferentes grupos de idades. Entroido de verán, olimpíadas, xornada con inchables, kayak, unha visita ao museo Mares, xogos tradicionais e un longo etcétera forman parte do divertido día a día neste campamento.

Desde o Concello, o goberno local recoñece tamén a contribución que as seguintes entidades fan cada verán para ofrecer actividades lúdicas, educativas ou deportivas e facilitar a conciliación a pais e nais que traballan.

Colonia de verán Aprende e xoga con Sobre Rodas: a asociación sociocultural de discapacitados leva once anos organizando un campamento cuxa prioridade, xunto coa conciliación, é ser un espazo de integración. Este ano aumentou sensiblemente a participación con respecto a edicións anteriores. Asisten 97 nenos e nenas en idade escolar, entre os tres e os doce anos. As persoas que desenvolven as actividades son tanto técnicos de animación sociocultural e actividades deportivas como especialistas de psicoloxía infantil, maxisterio ou logopedia, de maneira que o equipo deseña actividades adaptadas a todos e todas e que favorecen a convivencia e a integración do grupo. Segundo comenta Cristina Iglesias, presidenta da asociación Sobre Rodas, o incremento de participación notouse non so en que hai dez crianzas máis que asisten ao programa, senón tamén na lista de espera, que o ano pasado non existía e desta volta ten 14 nomes inscritos. A colonia Aprende e xoga desenvólvese nas instalacións do edificio do Areal, no CEIP Nicolás do Río, desde o pasado 27 de xuño e prolongarase ata o 31 de agosto, en horario de mañá.

Curso de Triatlón do Club Natación Cedeira: arredor de 155 nenos e nenas –nados nos anos 2005 a 2018- participan no curso de verán que organiza a entidade, entre os 110 que xa son socios e participan nas actividades durante todo o ano e os 45 que se apuntaron ao programa para os meses de xullo e agosto. Desde o club, Xan Suárez explica que é unha actividade que lles permite aos pequenos comprobar se lles gusta o deporte e que moitas veces é a súa porta de entrada para quedar xa durante todo o ano. De feito, ainda que tamén hai cativos de fóra, a maior parte dos participantes son de Cedeira. O programa presta especial atención á natación, e hai nenos e nenas que aprenden a nadar durante o mesmo, xunto coa bicicleta e o atletismo, e se desenvolve na piscina municipal e nas instalacións do IES Punta Candieira, con diferentes grupos e horarios, durante as mañás de xullo e agosto.

Campus Multiactividade do Cedeira SD: Entre 50 e 60 nenos con idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos participan en quendas quincenais ou mensuais neste programa do club de fútbol local, que tamén funciona na práctica como un espazo para descubrir novos deportistas e espertar o interese por pertencer ao equipo durante todo o ano. Máis do 70% dos nenos e nenas participantes son de Cedeira, ainda que tamén acude un grupo de Ortigueira e veraneantes. Hai catro xogadores do Cedeira SD desenvolvendo o programa, cada mañá de 10.00 a 14.00h. E como o seu nome indica, ademais de fútbol hai moitas outras actividades na piscina, na praia…

Escola do Cedeira Basket Club: con só tres meses de vida, o novo club de baloncesto de Cedeira foi quen de organizar por primeira vez o seu curso de verán, que conta con 32 rapaces e rapazas de entre 7 e 14 anos este mes. Para agosto contan a estas alturas con 22 apuntados. É, tal como explica Félix Fraguela, unha escola de iniciación ao baloncesto na que a entidade espera ter tamén sumar novos e novas xogadoras para os seus equipos. As actividades desenvólvense os luns, mércores e venres, de 10.00 a 12.00 h, no pavillón municipal. Como o resto dos programas de entidades deportivas, a proposta ten un espíritu lúdico no que prima o xogo e o divertimento.

Divertilandia: A oferta para a conciliación da vida familiar e laboral en Cedeira conta tamén coa alternativa deste parque infantil. A súa responsable, Teri Pérez, comenta que hai unha media de 40 nenos, de entre 3 e 12 anos, e catro monitoras ao longo das mañás de xullo e agosto e que as actividades son moi variadas e adaptadas á climatoloxía. Tanto poden estar no local facendo un biscoito como ir ao parque ou á praia para aproveitar o aire libre.