Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

LUGNASAD E CERTAME DE PINTURA RÁPIDA PROTAGONIZAN A ÚLTIMA FIN DE SEMANA DE AGOSTO NA VILA DE CEDEIRA

A última fin de semana de agosto estará protagonizada en Cedeira polo Lugnasad, a xa tradicional recreación da festividade céltica, e tamén por unha nova cita co Certame de Pintura Rápida. Na liña do resto das propostas de ocio que se desenvolveron ao longo deste verán, as actividades serán ao aire libre e cumpriranse as medidas de distanciamento e uso de máscara.

A Asociación de Amigos do Lugnasad de Cedeira organizou, unha vez máis co apoio do Concello, unha nova edición deste evento no que as parellas aproveitan para celebrar a súa unión, ou renovar os seus votos, polo rito celta. Nesta edición, a número 13, desenvólvense o I Certame de Música de Época Infantil e Xuvenil e o I Certame Clans de Rueiro, dúas propostas para as que os grupos participantes tiveron que se inscribir con antelación e facer vídeos que a organización compartirá nas redes sociais. Despois dun ano, o 2020, no que se suspenderon as actividades públicas e participativas, os organizadores tratan a través destas propostas de que a celebración volva en grupos pequenos e coa seguridade necesaria.

Na xornada do domingo terá lugar o VII Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”, na que se darán cita artistas profesionais ou afeccionados. Ao longo da xornada, entre as 10.00 e as 17.00 horas, estarán pintando na zona do paseo marítimo, a praia da Madalena, o paseo da Mariña, a zona do río Condomiñas, praia de Area Longa, o casco vello ou no porto. As inscricións, que serán gratuítas, e o selado dos soportes realizarase entre as 09.00 e as 11.00 horas no posto de turismo situado na rúa Ezequiel López.

A Sala Áncora, na Praza Roxa, será o lugar no que os e as artistas deberán presentar as súas obras antes das cinco da tarde. O xurado, que estará composto polos artistas Adrián Taracido, Jane Danko e Daniel Pérez García, emitirá o seu fallo ás seis.

O Concello de Cedeira repartirá 1.800 euros en tres premios, dotados con 800, 600 e 400€, xunto co correspondiente diploma acreditativo. A técnica e o estilo serán libres, o soporte das obras terá como máximo 100x81centímetros e deberán plasmar algún elemento da paisaxe e as xentes de Cedeira. Como en anos anteriores, todas as obras estarán expostas ao público, no exterior da Sala Áncora sempre que a climatoloxía o permita, ata as 20.00 horas. Os pintores e pintoras poderán poñer á venda aquelas obras que non resulten premiadas.