Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

HOMENAXE ÁS MULLERES DO MAR AO ABEIRO DO CONCURSO DE STREET ART CONVOCADO POLO CONCELLO

O goberno local de Cedeira felicita á comunidade de veciños do edificio Las Palmeras, na rúa Cariño nº 4, polo mural xigante adicado ás mulleres do mar que acaba de estrear nunha parede lateral do edificio. A obra realizouse ao abeiro do concurso convocado polo Concello, cunha axuda de 2.500€, para que entidades como esta ou particulares levaran adiante os seus propios proxectos de street art. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, eloxiou a iniciativa e recordou que o goberno municipal artellou a convocatoria reaccionando ao interese expresado polos propios veciños.

“O resultado é excelente e estamos moi contentos de que o esforzo do Concello, empeñado desde hai anos en ir acrecentando as obras murais para facer de Cedeira un museo ao aire libre, cobre un novo impulso da man da cidadanía”, comentou o alcalde, que adiantou que vai haber novas convocatorias do concurso para facilitar que agromen máis iniciativas como esta. “Agora que se veu o resultado e que tivo tan boa acollida, confiamos en que máis xente se anime, porque é unha oportunidade para adecentar as fachadas e tamén para aportar unha peza máis ao museo ao aire libre de Cedeira”, dixo.

O mural é obra de Carlos García, da empresa de pintura artística e decoración 2Duendes, e leva por título “Ás mulleres do mar”. Representa a unha redeira, cunha posta de sol e o faro de Robaleira ao fondo. A figura ocupa toda a fachada lateral do edificio, de cinco alturas, situado nunha zona moi transitada, próxima ao campo de fútbol e ao IES Punta Candieira.

A comunidade do número 5 da rúa Cariño está formada por cinco familias moi ben aveciñadas segundo explica Carlos Naveiras, dunha delas. “En 22 anos que levo vivindo aquí nunca houbo un problema”, comentou. El foi quen propuxo á comunidade facer un mural deste estilo, aproveitando que se quería pintar o edificio. A idea foi ben acollida e foi concretándose ata que se aprobou o boceto e se presentou á convocatoria do Concello. O traballo planificouse para o mes de xullo, cando hai menos circulación de xente pola zona, próxima ao IES Punta Candieira. Previamente fíxose a impermeabilización e o arranxo da superficie da fachada, tras o que viñeron varios días de traballo a cargo de Carlos García e a súa socia Marina Goti.

A acollida do novo mural foi moi positiva, comentou Carlos Naveiras. “Chegaron moitos comentarios positivos, a xente para a facer fotos, todo o mundo dinos que quedou moi ben e que a ver se hai máis iniciativas deste tipo”, explica o impulsor da iniciativa.