Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Finaliza a obra de mellora executada pola Deputación da estrada DP2203 (Punta Candieira-San Antón)

FINALIZA A OBRA DE MELLORA EXECUTADA POLA DEPUTACIÓN DA ESTRADA DP 2203 (PUNTA CANDIEIRA-SAN ANTÓN)

O Concello de Cedeira informa da entrada en servizo da estrada DP 2203 -desde Punta Candieira á ermida de San Antón- unha vez que a Deputación da Coruña deu por finalizado as obras de mellora acometidas nela nos últimos meses. O importe dos traballos executados superou os101.406 euros.

O goberno municipal valora este novo investimento provincial no municipio como unha mostra máis do compromiso da Deputación cos cedeirense e, neste sentido, recórdase que non hai moito tamén destinou máis de medio millón de euros ao proxecto executado na estrada DP 2205 (San Andrés- A Pedra). “Unha obra tamén moi beneficiosa para Cedeira polo gran punto de interese que para o turismo ten a garita de Herbeira”, apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil.

O proxecto agora finalizado desenvolveuse ao longo dun tramo de 1,700 quilómetros. Nel foron acometidos traballos de apertura de cunetas en ambas marxes da estrada, desbroce de ribadas e a realización de beiravías. Tamén foron reparadas fochancas e desniveis e toda a vía foi pavimentada cunha mestura en quente de cinco centímetros de grosor. A actuación finalizou coa colocación dunha nova sinalización vertical e horizontal.

Estas obras estaban incluídas na terceira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2017, unha iniciativa da Deputación da Coruña para mellorar o estado e a seguridade viaria en todas as estradas que son de súa competencia.