Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

FIN DE ANO 2020 (FELIZ DÍA DOS INOCENTES!! )

Este ano 2020 chegou cheo de novas maneiras de relacionarnos, de compartir espazos, de festexar, de vivir. Unha vez estudada a situación na que nos atopamos e respectando sempre a orde publicada pola Xunta de Galicia, e coa posibilidade de rectificación ante as novas ordes que poidan publicar ata a data do 31 de decembro, desde o concello queremos impulsar unha maneira de despedir este ano que sempre quedará nas nosas lembranzas.
Situaremos cinco carpas en distintas ubicacións para realización de festas privadas (FePriv a partir de aqui): Carpa Praza Marieta, Carpa Praza Floreal, Carpa Praza Revolta, Carpa Praza Roxa e Carpa Urxencias para aquelas persoas máis aventureiras. As carpas estarán divididas internamente con marcas no chan onde se ubicarán as FePriv. Cada FePriv terá a súa disposición 20 m2 cunha ocupación máxima de seis persoas. As carpas abrirán ás 11.00 h da noite e pecharán a 1.20 h do 1 de xaneiro, respectando o tempo máxima de permanencia na rúa.
As FePriv terán un prezo público, derivado do cálculo de ocupación de espazo público, aluguer de carpa, hixienización das marcas no chan e música (opcional*) que será publicado o día 30, xunto co teléfono e correo electrónico de reserva.

A Carpa Praza Marieta contará con música en directo co máis puro TexMex da man de Grelos Picantones, o último berro en mariachis! (e en quen os escoita).
Despidamos 2020 como se merece!

*De elexir a opción música, entregaranse cascos con conexión bluetooth, previo depósito do DNI, aos participantes en cada FePriv, na que escoitarán a lista de reproducción previamente escollida.