Skip to content Skip to left sidebar Skip to right sidebar Skip to footer

Teatro da Ramboia presenta “O meu mundo non é deste reino”

Hoxe 28 de novembro ás 20.00 h. no Auditorio Municipal.

Proxecto gañador do I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María.

Uns feirantes chegan ao que chaman fogar logo dun día de traballo. Son Camilo e Tomás, dous titiriteiros que levan o mesmo espectáculo unha e outra vez polas vilas do país. Carretan ás costas un enorme “tutilimundi”. A disxuntiva de abrilo convérteo nunha caixa de pandora latente.

Contar e dar vida ao que contén, supón a única vía de escape dos totalitarismos que os oprimen. Un xeito de sobrevivir nun reino militarizado sen trazas de lóxica humanística. Nun contexto ao que non pertencen, nun reino que non é do seu mundo.

Ábreno. As marionetas emerxen da farsa como alegorías incontrolables e esperpénticas dunha realidade pasada. A comedia ábrese paso como xerme de cambio nun xogo continuado entre o micro e o macro teatro. Ata que todo remata. Desbórdase.

Neste Reino, a inxustiza tínguese de vivas cores querendo despistar ao senso común, ao oprimido. E que ocorre co resto? Cos que lle rodean? Esvaecen nun fondo descolorido.

O MEU MUNDO NON É DESTE REINO, é unha adaptación da “Farsa de Bululú” de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista. A recuperación do título orixinal da obra serve para proxectar este laio silenciado no seu día. Hoxe, encabeza o espectáculo de novo para facer fronte a un pasado que insiste en repetirse.

Público Adulto – Entrada 2,5 €