Skip to content Skip to left sidebar Skip to right sidebar Skip to footer

Explicación das artes de Pesca utilizadas na Vila

O Museo Mares de Cedeira organiza dentro das súas actividades e neste caso como colaboración no Proxecto Cedeixura, visitas guiadas “á carta” para todas aquelas persoas que queiran coñecer polo miúdo o traballo diario dos homes e mulleres do mar de Cedeira na realización de actividades de pesca de baixura e marisqueo, os seus medios de traballo e as artes de pesca para conseguir as capturas. Estas visitas terán un aforo máximo de 4 persoas por grupo, dadas as restricións por mor da pandemia do COVID 19. Para reservar praza, cómpre enviar un correo electrónico a maresdecedeira@gmail.com

Durante estas visitas, poderase gozar dun pequeno audiovisual realizado por mariñeiros no que se amosa a pesca de volanta dende un barco de Cedeira. Ademais, as persoas asistentes terán ocasión de coñecer os detalles das artes de pesca utilizadas na pesca de baixura e as súas condicións artesanais como son a volanta, os rascos, o palangre, miños e nasas, observando os materiais no propio museo e descubrindo anécdotas e datos de gran curiosidade sobre este oficio.