• 7 Abril, 2018
  • 8:00 p.m.
  • Auditorio Municipal

Goldi libre é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión, un dos primeiros e máis fortes movementos de desobediencia civil xurdidos despois da Transición en España, que levou a centos de xoves ao cárcere como presos de conciencia e que tivo como consecuencia inmediata a suspensión do servizo militar obrigatorio despois de máis de 150 anos de vixencia. Un traballo feito a partir da memoria, a experiencia persoal e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi xulgado e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña. Dende unha perspectiva autocrítica, distanciada e irreverente, a obra ofrece ademais unha panorámica desenfadada do activismo social e político da esquerda dos anos 80 e 90 do século XX, cuestionando algúns dos mitos da loita antimilitarista. Trátase por tanto de conectar a memoria individual coa memoria colectiva dunha xeración e co imaxinario dunha época a través dun dispositivo especificamente teatral.

Goldi libre é o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral promovido e custodiado por Chévere en Teo co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir. Un laboratorio de creación escénica no que Chévere ofrece soporte para a xestión colectiva de proxectos de creación alleos á compañía.

Goldi libre é unha peza unipersoal, pero é moito máis ca un monólogo. É unha obra que sorprende. Porque sen deixar de ser teatro político e documental, transita con naturalidade por numerosos soportes e formatos: teatro radiofónico, comedia, stand-up, musical, testemuño, performance, relato científico…

Goldi libre ofrece un interesante aproveitamento pedagóxico para traballar con adolescentes a historia recente de España e os movementos políticos e sociais promovidos pola mocidade durante o Réxime do 78. Fixéronse xa varias experiencias moi satisfactorias con alumnado de bacharelato.

Público adulto

Entrada: 2,5€