Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Esta fin de semana a vila de Cedeira acollerá unha gran foliada e un festival de habaneras

ESTA FIN DE SEMANA A VILA DE CEDEIRA ACOLLERÁ UNHA GRAN FOLIADA E UN FESTIVAL DE HABANERAS

A vila de Cedeira está a vivir unha fin de semana diversa no que á actividade cultural se refire. Así, e ademais do Festival de Verán organizado pola Rondalla de Cedeira (día 20), haberá outras citas de interese tanto mañá sábado como o domingo.

O día 20 a praza Floreal acollerá, a partir das oito da tarde, a Gran Foliada, unha iniciativa da Asociación de Acordeóns de Cedeira pensada principalmente para recadar diñeiro coa fin de financiar a participación da agrupación local de acordeóns nun certame que terá lugar en outono na cidade de Praga.

Coa intención de animar a presenza de público e a súa implicación no proxecto, os responsables da entidade poñerán á venda liscos, chourizos, empanada e cervexas. E no que respecta ao apartado musical, a agrupación local contará coa axuda do grupo Álvaro Cunqueiro (Lago), coral Estrelas do Ortegal (Cariño), cantareiras e cantareiros de Buxainas (Cedeira) e o cuarteto Xoldaina (Ferrol). A organización conta ademais coa colaboración do Concello e da Asociación Cultural Buxainas para levar a cabo o programa previsto.

Ao día seguinte, o domingo 21, a actividade cultural trasladarase ao auditorio municipal coa celebración do Festival de Habaneras promovido pola Coral Virxe do Mar. A convocatoria dará comezo ás 20.00 horas e ten como obxectivo festexar o 21 aniversario dunha agrupación da que forman parte un total de 32 afeccionados á música coral. A esta celebración sumaranse as corais Alborada (Cabral) e a Polifónica da Magdalena (Ferrol). O festival dará lugar á interpretación de cinco cancións por cada unha das formacións musicais que, no caso de coral local, serán “Eu de Marín ausenteime”, “En un lago”, “Foliada de Cedeira”, “La vieja Habana” e “Non sei”.

Música na rúa

Continuando co programa cultural “Música na rúa”, o domingo (día 21) haberá unha nova cita. Nesta ocasión, a praza do Concello acollerá a actuación do grupo As Aturuxeiras, que comezará ás 13.00 horas. “Música na rúa” dará lugar a tres convocatorias máis durante os días 25 e 27 do presente mes.