Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Costas comeza as obras na Madalena

COSTAS COMEZA AS OBRAS NA MADALENA COA APERTURA DOS REGATOS E A RETIRADA DE PLANTAS INVASORAS DAS INMEDIACIÓNS DO AREAL

Coa apertura dos dous regatos que limitan a praia da Madalena -San Isidro e o da Revolta- e a retirada de plantas invasoras que crecen en zonas próximas ao areal deron comezo as obras que a Demarcación de Costas se comprometeu a levar a cabo na franxa costeira do municipio de Cedeira.

Polo momento os que terán que esperar van ser os traballos que afectan á duna – redución da súa altura, recuperación da verticalidade do taboado de madeira e a ampliación da pendente do ribazo da duna 30 ou 40 graos coa horizontal da praia- por considerar pouco consistente o compromiso de Costas con respecto á elaboración dun estudo de impacto ambiental no que estaría incluído ata o areal de Vilarrube, segundo recordou hoxe o concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal. Esta postura xa levaron no seu día á Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira -da que forman parte representantes das formación políticas PSOE, BNG, Anova e EU e de asociacións como Somos Cedeira, Adega, Mares de Cedeira e a Confraría de Pescadores-, a solicitar a Costas máis información sobre os contidos das intervencións previstas, co fin de evitar posibles danos colaterais e moi especialmente no banco marisqueiro.

Tal e como xa proclamaran no momento da presentación da Plataforma, as persoas que a compoñen rexeitan aquelas actuacións que se veñen realizando na praia de cara a tempada de verán por entender que, a máis longo prazo, deteriórana e causan danos no seu hábitat.