Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CONCENTRACIÓN DE REXEITAMENTO Á VIOLENCIA MACHISTA NA PRAZA DO CONCELLO DE CEDEIRA

A corporación municipal de Cedeira secundou esta mañá unha concentración na praza do Concello con motivo do 25N, o Día Internacional pola Erradicación da Violencia Machista. No acto leuse un manifesto institucional no que se defendeu a igualdade e o respecto á diversidade, rexeitando calquera acto ou actitude de violencia contra as mulleres. Pola súa banda, o equipo “Faro da Igualdade” do IES Punta Candieira participou facendo unha performance que levaba por título “Somos as voces das que xa non poden falar”, en recordo das vítimas dos asasinatos machistas.

Tal como se expresou no manifesto, o acto tiña por obxectivo “recordar ás mulleres, nenos e nenas, persoas vítimas de violencia machista” e “reivindicar os dereitos das mulleres de vivir libres e sen violencias”. O ano pasado a tráxica conta da violencia machista era de 1.118 mulleres e 44 crianzas asasinadas –desde o ano 2003, cando empezaron a gardarse os datos- “e neste 2022 temos que sumar 38 feminicidios máis”. A corporación cedeiresa reivindicou que “como cidadanía temos que actuar e mirar de cara a esta inxustiza, pelexar e educar na igualdade de oportunidades” e recordou que máis aló dos asasinatos hai outras moitas violencias, física, psíquica, moral, sexual, económica, discriminación educativa, laboral e social, abusos e tratos degradantes. “Tamén temos o deber de responder a quen nega esta realidade social, banaliza e invisibiliza cos seus discursos a realidade de tanas mulleres”, afirmaba o manifesto, que remataba apuntando á responsabilidade das administracións públicas nesta materia.

A continuación, varias rapazas do equipo de igualdade do instituto protagonizaron unha acción moi impactante e emotiva. Situadas no chan sobre unhas siluetas que representaban a diferentes vítimas da violencia de xénero, cada unha delas foi tomando a palabra para expor brevemente a historia de cada unha, de casos reais de vidas arrebatadas polo machismo.

Esta tarde, a partir das 17.30 horas no Centro de Ocio Xuvenil, terá lugar unha merendacoloquio co equipo de igualdade do IES Punta Candieira. Nel participarán rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, que charlarán sobre a presencia do machismo no adolescencia e de como eles e elas perciben a situación.