Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O grupo de goberno municipal solicita a colaboración para facer unha avaliación para adoptar medidas extraordinarias para a protección e reincorporación do comercio local

O Estado de Alarma decretado polo Goberno o pasado 13 de marzo, debido á pandemia mundial da COVID-19, supuxo a adopción de medidas extraordinarias por parte de todas e todos para protexer a saúde das persoas.

Desde as administracións estatais, autonómicas, provinciais e locais estase a traballar desde o primeiro día para tratar de paliar os efectos económicos e sociais que está a provocar esta situación de emerxencia sanitaria.

No noso concello puxémonos mans á obra, unha vez decretado o estado de alarma, tendo en conta en primeiro lugar aqueles sectores de poboación incluídos nos grupos de risco, tanto sanitario como social, a través de accións como o reparto de mascarillas, compra e reparto de bens de primeira necesidade tanto de alimentación como de hixiene, servizos a persoas necesitadas, limpeza…

Outra das vías abertas desde o inicio,é o estudo do xeito de complementar todas as axudas propostas polo resto de administracións con medidas de carácter local para que o tecido económico e social da nosa vila atope a mellor maneira posible de saír desta situación anómala.

Para tratar de que estas achegas complementarias sexan o máis efectivas posibles e acordes coas distintas situacións que están a vivir os axentes do noso tecido empresarial, desde o grupo de goberno municipal solicitamos a vosa colaboración para facer unha avaliación o máis realista posible.

Unha vez coñezamos as vosas casuísticas e propostas, e consensuándoas co resto da corporación municipal e coas técnicas municipais, poderemos adoptar unhas medidas extraordinarias máis efectivas para a protección e reincorporación do noso comercio local.

Achegamos un enlace a un formulario para que nos fagades chegar a vosa información, pola que anticipamos as nosas grazas.

https://forms.gle/4zXj58FApzuQUGR97