Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COMEZA UNHA NOVA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓN NO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DE CASTRO SARRIDAL

O luns arrincou unha nova campaña de escavación no Castro Sarridal, acometida polo equipo de Axa Arqueología baixo a dirección de Emilio Ramil. A intervención, a primeira que se realiza neste xacemento castrexo durante o 2022, está financiada polo Concello de Cedeira –cun presuposto de 18.000 euros-, que ratifica así o seu compromiso co “mantemento, conservación e posta en valor deste ben de gran riqueza patrimonial”, tal e como apunta o alcalde da vila, Pablo Diego Moreda. As accións sobre o terreo prolongaranse durante todo o mes de xullo e neste tempo daráselle continuidade aos traballos iniciados na campaña anterior, no que a escavación do paramento exterior da muralla e o antigo foso se refire.

Segundo explicou Emilio Ramil, as actuacións están encamiñadas a que estas dúas estruturas, que conformaban unha liña defensiva que separaba o exterior da zona doméstica, queden á vista tal e como estaban orixinalmente. Ademais de afondar na investigación xa iniciada, esta nova actividade arqueolóxica permitirá, a nivel patrimonial, contextualizar estas construcións no conxunto do castro.

A intervención abarcará unha superficie de 120 metros cadrados e removerá un volume de terra considerable, aínda que resulta imposible determinar con precisión canto será, posto que a cantidade dependerá da profundidade real que acabe tendo o foso, disposto en forma de “V”. Na campaña que comezou o luns, Emilio Ramil estará acompañado por un equipo formado por outro arqueólogo, catro auxiliares de arqueoloxía e un técnico de dron encargado de documentar os traballos a través de imaxes cenitais.

Estas primeiras xornadas estiveron dedicadas a tarefas de acondicionamento pois, aínda que a empresa Axa Arqueología realiza traballos periódicos de mantemento e limpeza, nesta época do ano a vexetación crece moi rápido. Ademais, a zona é o hábitat natural dun rabaño de cabras que acostuman deixar restos biolóxicos que houbo tamén que retirar.

Esta intervención é a sétima que se desenvolve no xacemento castrexo do Sarrida, que comezou a escavarse durante o anterior mandato, sendo entón concelleira de Cultura e Turismo María José Rodríguez, unha figura que continúa estreitamente vencellada e comprometida con todos os traballos que se están a desenvolver no castro e que neste tempo permitiron deixar ao descuberto, entre outros fitos, un dous cinco monumentos con forno de Galiza ou a pedra formosa máis antiga da nosa comunidade, datada aproximadamente no 230 a.C.

Segundo os resultados obtidos este mes, a campaña esixirá no futuro de novas actuacións para consolidar os elementos descubertos, e que pasarían pola súa limpeza e a colocación de dúas ou tres filas novas de pedras que eviten que as orixinais acaben danadas. Precisamente, o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda, e a propia María José Rodríguez, están pendentes de reunírense coa Directora Xeral de Patrimonio da Xunta, María del Carmen Martínez Insua, para solicitar que sexa este organismo, como en anos anteriores, o que sufrague esa intervención. Patrimonio da Xunta de Galicia está a ser neste últimos anos un activo axente na financiación das actuacións no xacemento castrexo do Sarridal.