Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Comeza a sexta intervención arqueolóxica no Castro do Sarridal

O Concello de Cedeira financia unha nova intervención do castro do Sarridal, que xa está en marcha desde esta semana e que fai a número seis das levadas a cabo nunha zona na que no ano 2017 foi atopada a quinta pedra formosa localizada en Galicia. O investimento ascende a 14.399 euros. Coa que agora comeza xa serán catro as actuacións financiadas pola administración local coa intención de recuperar un patrimonio histórico-cultural único, segundo apuntou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil.

O rexedor municipal, que considera necesario “coñecer o pasado para construír o futuro”, adiantou que a intención do executivo local é seguir traballando ata completar a totalidade do xacemento sen descartar a posibilidade de chegar a posibles acordos cos propietarios das parcelas situadas na zona. Moreda Gil apuntou así mesmo que o proxecto que agora comeza dará lugar ao levantamento total do perímetro do castro e que este contará cun peche perimetral e un panel explicativo do xacemento coas últimas tecnoloxías incorporadas. O alcalde de Cedeira recoñeceu a María Xosé Rodríguez como unha das persoas máis implicadas na execución dun proxecto que xa está a cumplir catro anos e recordou que o futuro do xacemento tamén pasa pola entrada en funcionamento do centro de interpretación que estará no castelo da Concepción, que podería ter lugar antes de final do ano.

Esta nova compaña, que se prolongará ata o día 7 do próximo mes de agosto, ten como obxectivo dar continuidade aos traballos xa realizados tanto no bastión da muralla como no parámetro defensivo do castro, así como continuar coa escavación do empedrado exterior da antecámara da saúna castrexa ata o actual camiño de acceso ao castro. Estas actuacións, que desenvolveranse sobre unha superficie duns 100 metros cadrados, permitirá coñecer os inicios da ocupación do Campo do Castro e mesmo cuestións relacionadas coa construción da muralla e da estructura circular, ademais da posta en valor dun xacemento que está a representar un novo foco de atracción turística.

As intervencións correrán a cargo da empresa Axa Arqueoloxía e nelas participarán dous arqueólogos, cinco auxiliares de arqueoloxía e un técnico que se fará cargo da planimetría. O arqueólogo Emilio Ramil González actuará como director do proxecto.