Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COMEZA A PRIMEIRA ÓPERA STUDIO DE CEDEIRA, QUE REMATARÁ O DÍA 3 COA ESTREA DE “DIDO E ENEAS”

Pese a ter rematado as festas de verán, Cedeira mantén unha intensa actividade cultural e de lecer no tramo final deste bulideiro mes de agosto. Comeza hoxe a primeira edición da primeira Ópera Studio que se desenvolve na vila e que rematará o vindeiro día 3 coa estrea de “Dido e Eneas” de Henry Purcell, e sucédense diferentes eventos ata o domingo, día no que terá lugar o Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”, cunha edición especial que estará adicada ao proxecto do Xeoparque e se desenvolverá na Serra da Capelada.

O Auditorio de Cedeira convértese desde hoxe nun espaxo adicado á lírica. Alí se van desenvolver ata o vindeiro 3 de setembro as sesións do curso da Ópera Studio, unha fórmula de perfeccionamento para novos cantantes de ópera na que se produce unha obra de principio a fin. Foron seleccionadas 34 persoas, entre intérpretes de “Dido e Eneas”, coro e orquestra. A portuguesa Magna Ferreira dirixe a obra co apoio do actor Marcos Vieitez, a violinista Mariña García-Bouso e a clavecinista Marta López. A produción corre a cargo dos cedeireses Fran Pérez, Aida Lozano, Paula Bereijo, impulsores da iniciativa, e a empresa DTK.

A Ópera Studio é un programa que combina a formación, con clases individuales e en grupo, cos ensaios escénicos e musicais da peza elixida e que supón unha fórmula moi acaída -aínda que en Galicia son contados os programas deste tipo-, para que os novos talentos da lírica dean o salto da etapa académica á profesional. O Concello de Cedeira apoia o programa economicamente, con 4.000€, e tamén coa cesión de espazos para as clases e a próxima estrea, así como para o aloxamento dos participantes e outras cuestións loxísticas.

Lugnasad, visita teatralizada a Teixido e Regoa Running Rock, o sábado

Volve un ano máis a Cedeira, neste final de agosto, o Lugnasad, unha cita singular que recrea os ritos das vodas celtas. A Asociación de Amigos do Lugnasad organizou un programa que se vai desenvolver este sábado, día 27, na zona do Paseo da Mariña, a Praza de Marieta e a praia. A partir das 11.30 estará aberto un mercado medieval e ás 12.00 comezará o desfile e recepción de parellas, que irán ataviadas coas vestimentas e adobíos propios dos celtas. A partir das 17.00 haberá xogos e actividades didácticas infantís e xuvenís e desenvolverase o I Certame de Personaxe de Lenda, no que os participantes emularán a diferentes personaxes celtas, vikingos, antigos ou medievais e optarán a premios para as persoas mellor caracterizadas. Ás 18.00 haberá música na Praza de Marieta e xa a partir das 21.00 oficiaranse as vodas celtas na praia da Madalena. Tamén este ano levarase a cabo a segunda edición do Certame Clans de Rueiro, no que grupos de veciños habilitan un espazo para celebrar o Lugnasad de xeito privado e participan logo no desfile cun estandarte que os identifica.

Para o mesmo sábado está programado tamén o Regoa Running Rock, unha cita deportiva e musical promovida pola Asociación Remo Revolución. O programa é unha homenaxe a Francisco Ramonde (Paco do Náutico) e inclúe unha carreira pedestre pola Capelada e un concerto na praza do Peixe, a partir das 22.00 horas. Actuarán Mártires do Rock, que ofrecerán un tributo a Los Suaves, e o grupo Bad Saint.

Por último, o Concello organizou para este sábado ás 12.00 horas unha nova visita teatralizada a Santo André de Teixido a cargo de Alalá Teatro. Baixo o título “Cóntase, dise”, Raquel Crespo e Yago Espasandín farán unha visita explotando os contos e lendas asociados ao núcleo cedeirés. Non é precisa a inscrición previa.

Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”, coa Serra da Capelada como escenario

O domingo terá lugar a oitava edición do Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”, unha cita que atrae cada ano a máis artistas de toda a comunidade e tamén de fóra de Galicia. Desta volta será unha edición especial adicada a subliñar a beleza da Serra da Capelada e a apoiar o proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, precisamente cando a vila recibe a visita dos expertos da Unesco que van avaliar a iniciativa. O británico Chris Woodley-Stewart, director do xeoparque de North Pennines, e o uruguayo César Goso, director do xeoparque Grupas do Palacio, estarán nesa xornada en Cedeira, onde iniciarán o programa de varios días que os vai levar polos diferentes municipios implicados no proxecto.

Os artistas que participen no Certame de Pintura Rápida deberán realizar a súa inscrición no posto de turismo e información situado na rúa Ezequiel López, no casco antigo, de nove a once da mañá. Alí selarase o soporte no que logo plasmarán as súas obras, que non pode superar as medidas de 100x81cm. A organización facilitará un plano ás persoas particiantes para delimitar o espazo no que poden traballar e, unha vez que elixan o lugar, deberán enviar a súa ubicación a través de whatsapp.

A técnica e o estilo son libres e o tempo para presentar as obras remata ás 17.30 horas, na sala Áncora. Alí reunirase o xurado, composto polos artistas María Villar Pérez, Noelia Blanco López e Andrés Urrutia, para emitir o seu fallo. Os premios serán de 800, 600 e 400€ para a primeira, segunda e terceira obras seleccionadas, xunto co correspondiente diploma.