Coa obra “D.E.P.” rematarán tres meses de teatro na Vila de Cedeira

COA OBRA “D.E.P.” REMATARÁN TRES MESES DE TEATRO NA VILA DE CEDEIRA

A programación do ciclo Teatro Adultos pechará este sábado coa representación da obra “D.E.P.” a cargo da compañía Malasombra Producións no auditorio municipal. As entradas, que se poderán adquirir o mesmo día da función na billeteira do centro cultural, terán un custo de 2,5 euros. O acto dará comezo ás 20.00 horas.

A obra, da que son autores Jordi Sánchez e Pep Antón Gómez, conta a historia dunha familia composta por unha nai con demasiados anos, un fillo cunha muller posesiva, outro que a cuida e unha noite interminable chea de segredos na que acaba saído á luz a confesión máis crúa da función: “Fran, eu creo que non quero a mamá”, ao que contesta o seu irmá: “pois mira que se se cura”….

Na representación, cuxa dirección corre a cargo de Marcos Orsi, intervirán os actores Jouse García, Patricia Rodríguez e Xoque Carbajal.

Desde o pasado mes de xaneiro, o auditorio municipal de Cedeira acolleu un total de seis representacións teatrais da man dos ciclos Teatro Familiar, que finalizou o pasado día 16 coa obra “Güela, Güela”, e do que rematará este sábado coa actuación da compañía Malasombra Producións sobre o escenario do auditorio municipal.