Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CHEGA A CEDEIRA O PLAN “A ADMINISTRACIÓN PRETO DE TI”

O plan “A Administración preto de ti” que puxo en marcha o Goberno central en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias chega a Cedeira. A cafetería do Auditorio acollerá o vindeiro martes unha sesión na que se ofrecerá asesoramento sobre os trámites e xestións máis habituais que hai que realizar diante da adminstracións e axuda para obter xa, na mesma reunión, o certificado dixital ou a Cl@ve que requiren moitos deles.

A cita será ás 11.30 horas e ten un máximo de vinte prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. Os veciños e veciñas de Cedeira interesadas poden inscribirse previamente chamando ao número 673 223 414 ou ben escribindo ao mail manuel.martinez@cedeira.gal. Na sesión, as persoas asistentes poderán tramitar e obter o seu certificado dixital, aforrándose o desprazamento a unha oficina da Seguridade Social ou otra institución para acreditar a identidade.

O plan “A Administración preto de ti” é unha iniciativa impulsada polo Ministerio de Política Territorial que ten como obxectivo contribuír a rachar coa brecha dixital, especialmente nos colectivos que teñen máis dificultades para acceder á administración electrónica. O programa, artellado a través dun convenio de colaboración coa FEMP, ten previsto chegar a máis de sete millóns de persoas e na súa primeira fase vai dirixido aos municipios con menos de 8.000 habitantes.