Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira xestiona que no plan funcional do Sergas do próximo ano figure a ampliación do centro médico

CEDEIRA XESTIONA QUE NO PLAN FUNCIONAL DO SERGAS DO PRÓXIMO ANO FIGURE A AMPLIACIÓN DO CENTRO MÉDICO

A ampliación do centro de saúde estase a converter nunha das prioridades do equipo de goberno de Cedeira. De feito, non hai moitos días o alcalde, Pablo Moreda Gil, era quen de informar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre os pasos que se están a dar nesa dirección, como o principio de acordo que existe coa Consellería de Medio Rural para a adquisición da propiedade que comparten co fin de incrementar ata un 40% a actual capacidade do centro ambulatorio.

É o mesmo obxectivo que esta semana levou ao alcalde e máis á concelleira de Turismo e Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, a reunirse co xerente da área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva. Os argumentos, á hora de reivindicar a actuación, foron os mesmos que no mes de outubro xa deron lugar á unha concentración dunhas 300 persoas: a falta de espazo e a necesidade de equiparar as prestacións médicas ás necesidades reais da poboación. Entre outras cousas que urxe mellorar, os responsables municipais enumeraron desde obras de accesibilidade e melloras no arquivo e no almacén ata equipamentos e novos servizos. Con respecto a estes últimos, a petición do Concello de Cedeira pasa pola reubicación da consulta de pediatría, pola creación dunha sala para cirurxía menor e pola posta en funcionamento do servizo de rehabilitación.

Facio Villanueva explicou que existen “posibilidades reais” de que a ampliación do centro de saúde de Cedeira entre a formar parte do plan funcional que a área sanitaria de Ferrol presentará en xaneiro á Xunta de Galicia co fin de programar as actuacións a levar a cabo ao longo do próximo exercicio. Facio recoñeceu as limitacións que a día de hoxe presentan as instalacións actuais.

O alcalde de Cedeira asegurou que desde a administración local se colaborará en todo aquelo que sexa necesario para levar a cabo a ampliación do centro de saúde, por tratarse dunha prioridade tanto para o goberno como para á veciñanza. Ademais do chan que o Concello comparte coa Consellería de Medio Rural, o incremento da capacidade actual do centro médico tamén pasa pola ocupación do antigo edificio das sindicais.