Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA VAI HABILITAR NA SERRA DA CAPELADA A PRIMEIRA VÍA FERRATA DE GALICIA

A Serra da Capelada vai contar en breve coa primeira vía ferrata de Galicia, unha instalación deportiva que facilita a práctica da escalada a persoas non iniciadas en dita práctica. Segundo informou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, o goberno local confía no éxito que vai ter este novo recurso para a dinamización do turismo na zona, concretamente para o ocio activo ou de aventura, coa vantaxe de que non existen outras ferratas na comunidade e co atractivo indubidable das espectaculares paisaxes que acompañarán o percorrido pola Capelada.

A empresa Tierra&Ferrol Mountain Logistics encargarase da subministración e colocación dos elementos que compoñen a ruta por un orzamento de 17.998€ (IVE incluído), despois de presentar o prezo máis vantaxoso e de ofrecer, a maiores, a realización dun informe de certificación coa realización de probas de tracción aos diferentes elementos.

As vías ferrata son itinerarios por paredes verticais ou horizontais, nos que se colocan oportunamente banzos, cravos, grampas, pasamáns, cadeas, pontes ou tirolinas coas que as persoas que realizan a ruta poden progresar, sempre suxeitas cun cable de vida e equipadas co arnés, casco e outros aparellos necesarios. Trátase dun tipo de instalación deportiva que comezou a ter moita sona nos últimos anos e que representa un atractivo para o turismo activo e de aventura.

Segundo subliñou Moreda Gil, a vía ferrata “é unha peza máis que vai sumar forzas no proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, o marco no que o Concello de Cedeira está a traballar, xunto aos outros seis implicados, para o desenvolvemento do turismo e o desenvolvemento sostible”. Este roteiro de escalada pola Capelada será outra forma máis de que a xente coñeza e valore as condicións xeolóxicas extraordinarias da zona e goce dunha experiencia diferente, afastada dos circuítos turísticos máis masificados.

A vía terá dous itinerarios, con diferentes niveis de dificultade, nos que haberá paneis informativos e explicativos para as persoas que acudan a realizalos. Coa vía ferrata, o Concello de Cedeira fai unha aposta máis pola diversificación da oferta deportiva no municipio, á que se une o parque de calistenia que se instalou este verán e o skatebowl que se está a construír.