Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira substitúe o antigo camión de servizos por outro diesel, con dirección asistida e plataforma elavadora

CEDEIRA SUBSTITÚE O ANTIGO CAMIÓN DE SERVIZOS POR OUTRO DIESEL, CON DIRECCIÓN ASISTIDA E PLATAFORMA ELAVADORA

Esta semana entrou en funcionamento o camión con plataforma elevadora adquirido polo Concello de Cedeira con fondos propios para tratar de rebaixar os prazos de execución das obras municipais e darlle unha maior produtividade á xornada laboral do persoal de servizos.

Trátase dun camión con motor diesel de catro cilindros en liña, dirección asistida e freado con control hidráulico. A plataforma elevadora pode subir alomenos 14 metros desde o chan, dispón de nivelación automática e ten un xiro en cesta de 100 graos. Soos Maquinaria SL foi a empresa subministradora e o prezo de adxudicación ascendeu a 49.500 euros (sen IVE).

O goberno municipal entende que coa entrada en funcionamento desde novo vehículo dáse un salto cualitativo no que ao parque móbil municipal se refire, especialmente na área de servizos. O vehículo que se estaba a utilizar fora adquirido no mercado de segunda man, tiña máis de 25 anos e pasaba revisións cada seis meses.

O executivo local tamén considera importante investir en mellorar a calidade e a seguridade no traballo do persoal laboral do Concello, ademais de tratar de rentabilizar os recursos públicos coa optimización dos servizos municipais.

No acto de entrega do vehículo estiveron presentes o alcalde, Pablo Moreda Gil, a concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, e representantes da empresa adxudicataria.