Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira somete a votación o regulamento de uso do centro de ocio xuvenil e o remanente de tesourería

O goberno municipal de Cedeira someterá o próximo luns á consideración do pleno o Regulamento do Centro de Ocio Xuvenil e o remanente de tesourería, que dará lugar a un investimento superior aos 250.000 euros en máis de vinte novas actuacións. Melloras no vestiario da Policía Local, a reconstrución do Castelo da Concepción en 3D e a compra de ferramenta para a área de Medio Ambiente son algunhas delas. A sesión plenaria ten carácter extraordinario.

En canto ás normas de acceso e uso das instalacións xuvenís, nelas recórdase o carácter público e plural do servizo, que está dirixido a persoas de entre 12 e 18 anos e equipado para atender as necesidades de ocio da mocidade local.

Xogos de mesa, libros, computadoras, fútbol de mesa, televisión e consolas, entre outros recursos, están a disposición duns usuarios que estarán identificados a través da denominada Tarxeta Única e que tamén poderán ser sancionados no caso de non respectaren a prohibición de fumar, de beberen bebidas alcohólicas e de consumiren substancias tóxicas no local ou por protagonizaren pelexas ou faltas de respecto entre usuarios ou cos encargados do centro.

No regulamento tamén se recollen os diferentes horarios das instalacións, que están situadas na antiga estación de autobuses e foron acondicionadas polo goberno municipal para “atender de forma expresa a mocidade local”.

Haberá un horario durante o curso escolar, que será venres de 17.00 a 22.00 horas, os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.00 horas e os domingos de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

En período vacacional, o centro de ocio xuvenil estará operativo en horario continuado de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas. Unha vez o regulamento resulte aprobado polo pleno será sometido a exposición pública, durante un prazo de trinta días, para que as persoas que así o consideren poidan presentar as alegacións que estimen oportunas. Tamén se poderá consultar na páxina web do Concello (www. cedeira.gal).

No seu momento, o goberno municipal estimou que foran máis de 700 os mozos e mozas os que nos meses de verán atoparon nestas antigas instalacións da estación de autobuses o seu lugar de ocio e reunión.