Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira saca a licitación, por importe de case medio millón de euros, o proxecto de rehabilitación do Pazo de Moscoso

O Concello de Cedeira saca a contratación a obra de rehabilitación integral do pazo de Moscoso, un proxecto orzamentado en 496.462 euros (IVE incluído) que axudará a recuperar un inmoble histórico para darlle novos usos administrativos. A licitación saíu publicada na plataforma de Contratos do Estado e a presentación de oferta finaliza en 20 días.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que a execución deste proxecto responde ao compromiso do goberno local coa recuperación tanto patrimonial como económica do centro histórico da vila de Cedeira. Neste sentido, o rexedor municipal apuntou que a intención do executivo é contribuír a esa posta en valor cun investimento público de case medio millón de euros e mostrouse confiado en que “este empurrón teña a forza suficiente para abrir un tempo novo cara a recuperación da arquitectura popular e patrimonial do casco vello”.

Por outra banda, Pablo Moreda destacou o papel que xogará este novo edificio á hora de distribuír e aproveitar mellor os recursos públicos. Así, avanzou que os Servizos Sociais, actualmente situados na terceira planta do auditorio, pasarán a ocupar a planta baixa do novo edificio administrativo municipal, mentres que os espazos que quedarán libres no auditorio serán aproveitados polo movemento asociativo. Tamén está previsto trasladar ao pazo Moscoso tanto o servizo de Intervención do Concello como a Xefatura da Policía Local, segundo dixo o alcalde.

O proxecto, que dará nova vida a un ben municipal que leva anos en desuso, desenvolverase sobre unha superficie construída superior aos 530 metros cadrados, uns 350 útiles. A demolición das estruturas danadas e a recuperación de elementos como balcóns, galería, forxados e soleiras, dado o carácter patrimonial do inmoble, darán lugar a un edificio que acollerá oficinas de atención ao público e as dependencias da Policía Local na planta baixa. Entre a primeira e segunda repartiranse un total de oito despachos, ademais de aseos, galería e distribuidores, e o faiado aproveitarase para almacenaxe e sala de instalacións. O cuberta será de tella do país e as fachadas -o edificio ten tres en o seu estado orixinal. Tamén se contempla a transformación do terreo anexo ao pazo nun novo espazo verde, ao que se poderá acceder desde a rúa Ferrol.