Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira repartirá máis de 2.200 euros en premios durante as celebracións do Entroido 2019

CEDEIRA REPARTIRÁ MÁIS DE 2.200 EUROS EN PREMIOS DURANTE AS CELEBRACIÓNS DO ENTROIDO 2019

O Concello de Cedeira repartirá máis de 2.200 euros en premios nos diferentes concursos que organiza con motivo das celebracións do Entroido. O certame de disfraces terá lugar o sábado 2 de marzo e pódese participar tanto na modalidade comparsas (9 ou máis compoñentes), grupos (de 3 a 8 compoñentes), parellas e individuais.

As comparsas e grupos teñen a posibilidade de ir cun carro ou plataforma, cunha altura máxima permitida de tres metros, e unha mesma persoa non poderá participar en máis dunha categoría. Son dous dos requisitos que figuran nas bases dunha convocatoria que nos vindeiros días poderá ser consultada na web institucional (www.cedeira.gal), no taboleiro do Concello e mesmo na oficina de Turismo. A data límite para inscribirse é o día 28 de febreiro e o prazo abrirase a próxima semana. O trámite débese levar a cabo no Rexistro do Concello.

O desfile do día 2 dará comezo ás 17.00 horas. O seu punto de partida será a praza Roxa e, despois de percorrer as principais rúas da vila, chegará ao pavillón polideportivo, que acollerá as actuacións. A animación correrá a cargo da Batukada dos Discalz@s.

O xurado estará formado por representantes de asociacións ou colectivos nomeados pola administración local, que valorará o vestiario e estética dos participantes, a creatividade dos disfraces, a posta en escena e a animación. A xornada do sábado 2 de marzo rematará coa actuación da orquestra “Israel” na praza Roxa, a partir das 23.45 horas.

A festa infantil será o luns 4 e tamén terá como referencia o pavillón municipal, no que haberá desde música ata animación e inchables para garantir o éxito da convocatoria.

Con motivo da celebración do Enterro da Sardiña, previsto para o día 9, ás 19.00 horas -primeiro na praza da Marieta e despois na praia da Madalena-, o Concello invita á veciñanza a participar na festa dunha forma máis activa que a simple asistencia aos actos. Este ano, como xa acontecera o anterior, desde a área de Cultura anímase aos veciños e veciñas a facer coplas satíricas que posteriormente se lerán durante a celebración do enterro. Desde a organización faise constar que quedarán excluídas aquelas que utilicen unha linguaxe groseira, insultos, ameazas, comentarios sexistas, xenófobos ou homófobos. Tamén prégase rigoroso loito e sentidas choromicadas durante a celebración deste funerario acto.

As Asociacións das Amas de Casa, Aturuxeiras, Veciñanza de Piñeiro e a Banda Vila de Cedeira colaboran co Concello de Cedeira na organización do Enterro da Sardiña co que pecharán as citas do Entroido 2019.