Cedeira rende homenaxe a José Afonso na primeira edición do festival de música Galego-Portuguesa
CEDEIRA RENDE HOMENAXE A JOSÉ AFONSO NA PRIMEIRA EDICIÓN DO FESTIVAL DE MÚSICA GALEGO-PORTUGUESA
A música uniu un 17 de xullo do ano 1980 ao cantante portugués José Afonso coa vila de Cedeira, e case coarenta anos despois a súa figura serve ao Concello de Cedeira para se introducir no mundo dos festivais. Coa idea de prosperar e de consolidar unha iniciativa que se fixo coincidir co trixésimo aniversario da morte do artista luso, nace o Festival de Música Galego-Portuguesa, que se desenvolverá os días 19, 20 e 21 de maio.
Aquel concerto do ano 1980 foi o único que deu Afonso en Galicia fóra das grandes cidades. O día anterior tiña actuado na cidade da Coruña. En Cedeira, ese 17 de xullo, fíxoo na sala o Tres de Ouros.
Agora, a localidade acollerá un programa no que se mesturan concertos, mesas redondas e unha exposición biográfica e musical sobre a figura de José Afonso. Coa apertura oficial da mostra, precisamente, arrincará o calendario de actos. Será o venres 19 no Palacete Municipal, ás 20.00 horas, e intervirá o vicepresidente da Asociaçao José Afonso (AJA), ademais de comisario da exposición, Paulo Esperança.
A continuación, a actividade trasladarase ao auditorio municipal, no que, a partir das 21.30 horas, terá lugar unha iniciativa do Concello para reunir a unha serie de grupos locais a carón da música portuguesa. “Cedeira canta a Zeca” é o título que dá nome á cita.
O sábado día 20 haberá unha mesa redonda no Palacete, ás 12.00 horas, e pola tarde, xa no auditorio, o concerto que leva por título “Buganvília”, no que actuarán a formación “De outra margem” e o herdeiro musical, ademais de sobriño do cantante portugués, Joao Afonso. A mesa redonda leva por título “O triángulo máxico de José Afonso: Portugal, África e Galicia”.
O festival pechará o domingo cun novo concerto, que será ás 18.00 horas no auditorio, a cargo do grupo de Intervençao da AJA. Trátase dunha actuación con narrador e exposición de imaxes da vida do homenaxeado, do que o concelleiro de Educación, Rubustiano Labraña, dixo, durante a presentación do festival, que fora un artista “épico, único, un dos máis importantes e representativos cantautores que houbo a nivel mundial”.