Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira recupera para a memoria colectiva os nomes e valores dos trece veciños asasinados no 36

A corporación municipal de Cedeira convoca a veciñanza a participar no acto de desagravio contra a ignominia da sentenza pola que o 18 de decembro de 1936 morrían asasinados trece veciños do municipio, na súa maioría membros da corporación municipal, no castelo de San Felipe de Ferrol.

A convocatoria, que será ás doce deste domingo, dará lugar á inauguración dun panel explicativo e ao bautizo como praza do 18 de Decembro da que antes era coñecida como “dos Cabalos”.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, presidirá un acto que se celebra de acordo a unha iniciativa da sección local da Asociación da Memoria histórica Democrática aprobada por unimidade da corporación na sesión plenaria celebrada o pasado mes de novembro. Moreda Gil sinalou que “para min é un orgullo representar a toda a corporación nun acto no que se recoñecerá a grandeza dunha xente humilde que loitou e defendeu ata coa súa propia vida a democracia”.

En base a devandita decisión colocarase un panel explicativo no que figurará, ademais dunha fotografía do Concello cedeirense do ano 1936, os nomes e profesións dos asasinados, incluído o do veciño de Cabanas que compartiu o mesmo destino que os cedeirenses.

A partir de agora todas aquelas persoas que pasen por esta céntrica praza da vila de Cedeira poderán ler o seguinte texto: “Os militares rebeldes, que se levantaron en armas contra a España democrática en xullo de 1936, condénanvos a morte e execútanvos no castelo de San Felipe por rebelión militar. Xunta vós, tamén sería asasinado Antonio Ameneiro Brage, veciño de Cabanas. A ignominia da sentenza, que intentaba xustificar o criminal fusilamento de xente de paz, viría acrecentar, se iso fose posible, o horror do delirante fanatismo dos golpistas”.

Os veciños axecutados foron Manuel Fernández Freijeiro, militar retirado e alcalde de Cedeira no ano 1936; José Cipriano Durán Fraguela, labrador e segundo tenente de alcalde; José Lago Beceiro, labrador e concelleiro; Miguel Fernández Santos, funcionario de Correos; Isaac Forneiro Varandela, mestre e empregado de banca; Enrique Martínez Teijeiro, condutor de autobús; Francisco Rodríguez, barbeiro e músico; Ginés Fernández Rodríguez, estudante, e Antonio Iglesias Freire e Adolfo Bouzón Teijeiro, mariñeiros.