Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira recupera esta fin de semana o mercado medieval, que se situará na Praza Roxa

CEDEIRA RECUPERA ESTA FIN DE SEMANA O MERCADO MEDIEVAL, QUE SE SITUARÁ NA PRAZA ROXA

Despois de catro anos sen mercado medieval, a vila de Cedeira recupera esta celebración cara á fin de semana (21 e 22 de xullo). A iniciativa parte do Grupo de Hostalería da Praza Roxa, do que participan os donos de 11 locais da zona, e reunirá, segundo a organización, a un total de 35 postos de venda, nos que haberá desde alimentación ata produtos de artesanía, pasando por algunhas novas incorporacións, como pode ser a dos kebabs.

Laura Suárez Colina é o nome da empresa que está á fronte dunha convocatoria coa que se pretende, segundo os hostaleiros, dinamizar a praza Roxa e encher de contidos dúas importantes xornadas do mes de xullo.

A feira, que ocupará o perímetro dunha das prazas máis céntricas e concorridas da vila cedeirense, abrirá ao público en horario de mañá e tarde, de 11.00 a 14.30 e de 18.00 a 22.30 horas, aínda que este pode variar en función da meteoroloxía, segundo a organización.

A convocatoria incluirá un programa de animación nas rúas, a cargo do grupo Turdión, e actividades especialmente dirixidas aos visitantes máis novos, entre as que se prevé a celebración de obradoiros nos que os nenos acabaran con as súas facianas pintadas.

O Concello colabora na celebración desta iniciativa, á que os seus máximos responsables invitan a sumarse á veciñanza e a todas as persoas que desexen desfrutar dunhas xornadas diferentes nunha vila chea de recursos de ocio e gastronómicos.