Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira recorda que os residuos orgánicos deben ir ao colector de cor verde

CEDEIRA RECORDA QUE OS RESIDUOS ORGÁNICOS DEBEN IR AO COLECTOR DE COR VERDE

O Concello de Cedeira, a través da Concellería de Medio Ambiente, considera necesario recordar as pautas que debe seguir calquera usuario do servizo de recollida de lixo para facer un bo uso do mesmo, unha mensaxe dirixida tanto á veciñanza como ás persoas que só están de paso.

Así, infórmase de que o colector de cor verde só está destinado a recibir os residuos orgánicos e a chamada “fracción resto”, que son todos aqueles que non se poden depositar nos contedores de papel/cartón (azul), envases lixeiros (amarelo) e vidro, sempre que non se trate de voluminosos, perigosos ou farmacéuticos.

Os responsables municipais lembran que o servizo de recollida de lixo está a funcionar todos os días, agás os domingos e festivos, e reiteran que existe a obriga de pechar hermeticamente as bolsas antes de botalas nos contedores, un xesto que nunca se poderá levar a cabo nas vésperas de domingos e festivos pero si no serán do resto dos días. Quérese así evitar que os colectores se enchan prematuramente ou despidan cheiro que poida molestar aos veciños/as que viven nas proximidades dos mesmos. O Concello tamén aconsella procurar que nas bolsas non vaian líquidos para tratar de reducir a posibilidade de que acaben espallándose e manchando os interiores dos colectores.

O equipo de goberno reitera a necesidade de que Concello e veciñanza colaboren para tratar de mellorar o funcionamento dos servizos públicos, así como o seu compromiso de limpar con máis frecuencia os contedores, especialmente durante os meses de verán.