Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira realiza traballos de limpeza das beiras e desbroces no río Condomiñas

CEDEIRA REALIZA TRABALLOS DE LIMPEZA DAS BEIRAS E DESBROCES NO RÍO CONDOMIÑAS

O goberno de Cedeira está a continuar este ano cos traballos de limpeza do río Condomiñas xa iniciados no 2017 en colaboración co ARCE (Amigos dos Ríos de Cedeira), tanto no que se refire ao desbroce das súas beiras como á retirada de escombro do leito do propio río.

Na actualidade hai dous traballadores contratados a conta do Fondo de Compensación Ambiental que fan labores de desbroce na zona comprendida entre a ponte da Acea e a EDAR (estación depuradora de augas residuais) e que continuarán ao longo de dous meses. Entre os meses de agosto e setembro tamén está previsto que comecen a súa faena no seguinte tramo do río, augas arriba, dous autónomos contratados polo Concello cunha partida de 3.000
euros reservada nos presupostos de 2018 para tal fin.

Ademais, o Concello de Cedeira conta que desde Augas de Galicia se realice tamén algún traballo de corta doas árbores que presentan maior risco de caída ou que xa están atascando o propio cauce, así como a intervención do voluntariado, algo que o goberno local valora tamén de cara á sensibilización da poboación.

Desde o executivo local considérase que é unha obriga recuperar un espazo de lecer que leva moito tempo abandonado.