Cedeira promove a xeoloxía como alternativa ao turismo máis tradicional

CEDEIRA PROMOVE A XEOLOXÍA COMO ALTERNATIVA AO TURISMO MÁIS TRADICIONAL

O Concello de Cedeira vén de abrir o prazo de inscrición para tomar parte no programa de Xeorutas, unha iniciativa municipal de promoción turística na que a riqueza xeológica estase a converter unha alternativa aos tradicionais recursos de sol e montaña. As prazas son limitadas e os interesados xa poden facer a reserva na Oficina de Turismo (981 482 187) ou no blog: rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es.

O doutor en Xeoloxía Francisco Canosa volve a poñerse á fronte dunhas visitas guiadas que terán lugar de venres a domingo e que darán lugar a un total de 33 saídas. A presente convocatoria, que comezará o próximo venres día 5 de xullo, estará operativa ata mediados do próximo mes de setembro.

Con respecto a pasadas edicións, a que agora comeza presenta como novidade a aplicación dunha penalización ás persoas que reserven e non notifiquen que causan baixa, ante calquera contratempo ou imprevisto. De non facelo, quedarán excluídos do programa durante un ano.

O executivo local recorda que as prazas son limitadas e a participación segue a ser gratuíta, polo que considera que o feito de non anular a reserva está a causar prexuízo a outras persoas e mesmo á administración local por non poder aproveitar un recurso que ademais de público a súa finalidade é dar a coñecer o territorio. O goberno anima aos posibles interesados a apuntarse o máis axiña posible, “porque as prazas acábanse en días” e valora a importancia dunha iniciativa que tamén sirve para reivindicar a declaración, por parte da Unesco, do Xeoparque do Cabo Ortegal.

En canto aos destinos son:

-Ruta do Litoral: Consiste un paseo xeolóxico pola contorna do porto de Cedeira e da praia da Madalena e na que, ademais, se inclúe unha visita ao xacemento arqueolóxico do Sarridal. Trátase dunha actividade de dificultade baixa e cunha duración dunhas tres horas.

-Ruta Os Cantís: Con esta xeorruta existe a posibilidade de contemplar unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 metros de altura e rochas de hai millóns de anos. Ten unha dificultade baixa.

-Ruta de Areas Negras: Esta saída permite coñecer a que está considerada como a única praia de arena negra non volcánica do planeta e tomar contacto cos cantís máis altos da Europa continental, así como ollar a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar. Neste caso, a dificultade é alta e a distancia superior aos 5,5 quilómetros.

-Ruta do Cromo: Trátase dunha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie da Terra. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. A visita permite ollar tamén a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada. A súa dificutade é media.

-Ruta do Granate. Esta ultima saída discorre por un pequeno sendeiro de pescadores dende o santuario de San Andrés ata a ensinada das Cortes. Trátase dun percorrido de dificultade alta, orientado á participación de persoas maiores de 16 anos e que ten unha distancia de cinco quilómetros.