CEDEIRA PON EN MARCHA O PROGRAMA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO, QUE INCLÚE CLASES DE ZUMBA, MEMORIA E XIMNASIA TERAPEÚTICA

O Concello de Cedeira, a través da Concellería de Xuventude, Ensino e Igualdade, pon en marcha un ano máis as actividades orientadas ao colectivo da Terceira Idade. De feito, esta mesma semana xa daban comezo as clases de zumba, que se imparten os luns, martes e xoves na sala Áncora, a partir das 11.00 horas.

Cara á segunda quincena do presente mes, a responsable da área Manuela López Rodríguez, informou da posta en funcionamento do obradoiro de memoria e mesmo tamén do de ximnasia terapeútica. Este ano, como xa se fixo o curso pasado, estas últimas actividades impartiranse na vila de Cedeira e tamén nas parroquias. Estes días as técnicas do departamento están a traballar na organización do calendario.

López Rodríguez recordou así mesmo que está abierto o prazo de inscrición para aquelas persoas que este ano desexan asistir por primeira vez ás clases, mentres que para as veteranas non é necesario dito trámite. En calqueira caso, as oficinas de Servizos Sociais serán a referencia tanto para facer as reservas de praza como para recibir información sobre o programa de envellecemento activo.