CEDEIRA ORGANIZA PARA ESTE SÁBADO O ACTO DE ENTREGA DO TÍTULO DE FILLO ADOPTIVO Á VIÚVA DE PORTO DAPENA

O Concello de Cedeira está a organizar para o próximo sábado (día 17) o acto de recoñecemento e admiración ao Fillo Adoptivo da vila Álvaro Porto Dapena coa entrega do título a súa viúva, María del Carmen Pita Freire.

O goberno municipal invita á veciñanza a secundar coa súa presencia unha convocatoria que dará comezo ás 12.00 horas e que terá lugar no salón de plenos do Concello. Trátase dunha cita aberta ao conxunto da cidadanía.

O Concello xa ten confirmada a presenza no acto –que estará presidido polo alcalde, Pablo Moreda Gil, e máis pola corporación municipal– da viúva do homenaxeado e do vicedecano da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, Félix Córdoba Rodríguez, así como de moitas das amizades do ámbito académico e persoal que tiña o homenaxeado.

O acto dará lugar á lectura de fragmentos dos textos que Porto Dapena xa tiña preparados cara á celebración do seu nomeamento e que agora o Concello vén de editar nun número reducido de 150 exemplares. Trátase dunha análise lingüística da advocación da Virxe do Mar, patroa da vila mariñeira coa que Álvaro Porto tiña especial vinculación aínda que era nado en Narón.

A homenaxe tamén incluirá a entrega dunha placa de Fillo Adoptivo á súa viuva. Posteriormente quedará instalada na lápida tras a que reposan os restos de Álvaro Porto Dapena. O acto retamará coa interpretación de pezas da música clásica a cargo de membros da banda Vila de Cedeira.

O catedrático José Álvaro Porto Dapena foi nomeado Fillo Adoptivo por unanimidade da corporación municipal no pleno que celebrou na mañá do día 5 de outubro. O seu dilatado currículo académico e a súa elección vital de residir en Cedeira así como a súa afabilidade e a súa boa disposición á hora de colaborar con entidades ou persoas en diferentes eventos socioculturais foron algúns dos argumentos que xustificaron o nomeamento.

José Álvaro Porto Dapena, nado na parroquia de San Xiao (Narón) en 1940 era filólogo e profesor universitario galego, ademais de membro da Real Academia Española de la Lengua. Licenciouse en 1967 en Filoloxía Románica, acadando o doutoramento na Universidad Complutense de Madrid en 1972, onde traballou como docente ata 1997, ano no que se trasladou a Galicia para facerse cargo da cátedra de Lengua Española da Universidade da Coruña.

Tamén traballou no Seminario de Lexicografía da Real Academia Española colaborando na elaboración do seu Diccionario Histórico e no Diccionario de construcción y régimen de R. J. Cuervo, onde redactou a meirande parte do tomo III. Participou con outros autores e dirixiu o “Diccionario Coruña de la lengua española actual: planta y muestra”. Era un bo coñecedor do galego -lingua á que tamén dedica algúns traballos, entre outros o estudo toponímico sobre o concello de Cedeira e colaborador habitual do Diario de Ferrol, onde escribía todos os domingos un espazo titulado “Con nome propio” no que trata, preferentemente, a toponimia da comarca de Ferrol.