Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA OFRECE DOUS ESPECTÁCULOS PARA O PÚBLICO FAMILIAR DURANTE A FIN DE SEMANA

O programa festivo deste verán en Cedeira ofrece nos vindeiros días diferentes propostas ao aire libre e para todos os públicos. O escenario da Praza Roxa acollerá o sábado e o domingo, sempre ás 20.00 horas, unha función a cargo de “Xoán Curiel e a Banda do Verán” e o espectáculo acrobático “4.0 Sue Montero”. En caso de choiva as actividades trasladaranse ao Auditorio Municipal e ao Polideportivo, respectivamente.

“Xoán Curiel e a Banda do Verán” levan a Cedeira as súas cancións para o público infantil, cun estilo rockeiro e cheo de humor co que de seguro tamén se divirten os maiores. Ao día seguinte, o domingo, actuará no mesmo espazo Sue Moreno, fundadora e directora dunha escola de acrobacias aéreas, que achegará un espectáculo no que mestura técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico, coa historia dunha muller que intenta conciliar o seu traballo e a maternidade como fío condutor.

O luns, coincidindo co festivo local de Santa Ana, vai ter lugar o concerto de Guadi Galego e tamén, pola mañá, unha actuación da Banda de Música Vila de Cedeira. A formación local fará un percorrido musical pola vila, comezando no Palacete ás 13.30 horas, e deterase na Praza Roxa ás 14.00 horas para ofrecer alí un repertorio no que adoitan mesturar temas clásicos como pasodobres e muiñeiras con outros máis actuais. Pola noite, a partir das 22.30 horas na Praza da Revolta, Guadi Galego vai reencontrarse coa súa vila nun concerto no que presentará os temas do seu novo traballo discográfico “Costuras”. Agotáronse xa as 500 entradas gratuítas que o Concello puxo a disposición do público. O recindo estará valado e garantirase a separación entre as cadeiras para gozar do concerto con seguridade.