Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA LICITA DE NOVO AS OBRAS DE REPARACIÓN DAS CUBERTAS DOS ANTIGOS ESCOLARES DE SAA E SISALDE

O Concello de Cedeira acaba de publicar de novo a licitación da obra de “Consolidación e reparación da cuberta nos centros escolares de Saa e Sisalde Maior”, debido a que a empresa adxudicataria solicitou a rescisión do contrato. A actuación conta cun orzamento de 74.163,47€ (IVE incluído), con cargo ao programa provincial POS+2021, e as empresas interesadas teñen ata o día 7 de novembro de prazo para a presentación das súas ofertas.

Trátase dunha actuación que ten a consideración de urxente, xa que é precisa para garantir a conservación destes dous edificios, catalogados como arquitectura indiana e herdanza da emigración cedeiresa. O expediente de licitación, que segue o procedemento aberto simplificado, está publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público.

As dúas construcións, hoxe empregadas para usos comunitarios, foron promovidas pola mesma sociedade de instrución e beneficencia “Progreso de Esteiro”, fundada en La Habana. Son edificacións de dúas alturas, nas que o baixo estaba antigamente ocupado por unha aula de nenos e outra de nenas, e o primeiro piso era a casa do mestre.

A de Saa data do ano 1925 e está afectada por unhas filtracións de auga e humidades na cuberta e na cornisa perimetral que provocaron o deterioro do tramado de madeira. Pola súa banda, o antigo escolar de Sisalde Maior foi levantado en 1931 e necesita a urxente consolidación e reparación dos muros, a cuberta e os caleiros. A súa estabilidade está en perigo, como o anterior inmoble, polas humidades que afectaron ás vigas, estrutura de madeira e muros de carga.

O goberno local acometera en 2018, cun investimento de preto de 60.000€, obras de pintura e renovación da carpintería exterior nos dous edificios, co que mudou a imaxe de abandono no que estaban. Porén, esta nova intervención é precisa polo estado das cubertas e resposta á demanda expresada pola Asociación de Veciños de Esteiro.

En ambos os dous edificios, as obras consistirán na sustitución dos elementos deteriorados, o saneamento das pezas de madeira que poidan ser recuperadas, a impermeabilización de muros e o reforzo estrutural en determinados puntos.