Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira inviste máis de 14.000 euros no acondicionamento do camiño de acceso ao cemiterio de Cervo

CEDEIRA INVISTE MÁIS DE 14.000 EUROS NO ACONDICIONAMENTO DO CAMIÑO DE ACCESO AO CEMITERIO DE CERVO

Cun investimento de 14.398,19 euros o Concello de Cedeira está a acometer obras de mellora no camiño de acceso ao cemiterio de Cervo, unha vía moi deteriorada e de especial interese para os veciños da parroquia e da zona en xeral.

A existencia de fochandas de importancia na vía, tal e como recoñece o equipo de goberno, fixo necesaria a execución dun proxecto de calado, primeiro repoñendo a capa de zahorra e posteriormente botando outra de macadam de 15 centímetros, para concluír cun rego superficial e outro de sellado en toda a superficie. A intervención implicou ademais a limpeza de cunetas dun camiño de 250 metros de lonxitude e cuxa anchura é de tres metros e medio.

A obra, que foi acometida pola empresa José M. Piñeiro López SL, requiriu a elaboración e presentación dun proxecto de control arqueolóxico que, feito polo arqueólogo Emilio Ramil, finalmente obtivo a correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria antes de poder ser executada.

O goberno de Cedeira reitera o compromiso coa veciñanza no que se refire á conservación e mellora dos camiños públicos por considerar que o bo estado das infraestruturas garante a seguridade viaria e facilita a vida aos veciños.