Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira inviste case 60.000 euros na conservación da carpintería dos escolares de Piñeiro e Esteiro

O Concello de Cedeira está a levar a cabo un labor de conservación dos centros sociais coa realización de obras que axuden a súa conservación e uso. O goberno municipal entende que “se trata de espazos que favorecen a convivencia, fomentan a cultura e axudan a manter viva a memoria colectiva”.

Na actualidade, esta política estase a materializar nos antigos escolares de Piñeiro e Esteiro, cuxo importe de adxudicación ascende a 59.470 euros. Trátase dun paquete de actuacións que, executadas pola empresa Carpintería López e Villadóniga, contribuirán á conservación da carpintería interior e exterior das dúas escolas. Basicamente a intervención consistirá na restauración de portas, ventás e contraventás de edificios que foron construídos a principios do século XX co diñeiro da emigración.

Os traballos comprenderán a retirada da pintura, a substitución da madeira e dos elementos deteriorados, a recuperación das ferraxes e a aplicación de aceites vexetais e de ceras naturais para garantir a súa conservación.

O goberno de Cedeira anuncia a súa intención de trasladar este tipo de accións a outras sedes, por considerar que forman parte dos seus compromisos coa veciñanza en materia social.

A sociedade “Hijos del Ayuntamiento de Cedeira en La Habana” financiou a construción do escolar de Piñeiro, un edificio do ano 1927 e que hai pouco recuperou a placa conmemorativa. A construción do escolar de Esteiro remóntase ao ano 1924 e estivo financiada pola “Sociedad de la Ilustración e Beneficiencia Progreso”, con sede en La Habana.