Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira inviste case 40.000 euros en proxectos de mellora e mantenemento do pavillón e o campo de fútbol

CEDEIRA INVISTE CASE 40.000 EUROS EN PROXECTOS DE MELLORA E DE MANTEMENTO DO PAVILLÓN E O CAMPO DE FÚTBOL

O goberno de Cedeira vén de investir case 40.000 euros (39.784,14 euros) na realización de obras de mellora nas instalacións deportivas de propiedade municipal.

Esta política deu lugar á compra de material e a realización de algunhas reformas no pavillón polideportivo, así como a erradicación de humidades nas bancadas e na substitución dos bancos soterrados utilizados por adestradores e xogadores suplentes no campo de fútbol do Beco.

As obras levadas a cabo no pavillón consistiron na substitución das billas das duchas e dos lavabos dos vestiarios e na instalación de novas válvulas para regular o sistema da auga quente da piscina municipal, traballos acometidos polas empresas Carlos Yáñez Nebril e Instalaciones e Mantenimento Cedeira SL, respectivamente. Tamén se renovou a tapizaría das máquinas do ximnasio, obra realizada por David Areas López, e foron adquiridas un total de cinco bicicletas verticais e seis de spinning co fin de incrementar o número de usuarios.

En canto ás melloras realizadas no campo de fútbol do Beco consistiron na eliminación dos problemas de humidades que estaban a afectar ás gradas, obra que foi contratada a empresa de Ángel Grandal Calvo, e na substitución dos bancos soterrados por outros ao mesmo nivel do terreo de xogo. Esta última obra foi executada pola empresa Kaizen Management SL e o proxecto deu lugar á demolición dos antigos bancos, o recheo da base de formigón do oco que deixaron as antigas estruturas -situadas a metro e medio da liña de banda do campo de fútbol-, e a colocación de soportes metálicos para a posterior instalación dos que xa están a funcionar.