Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira instala soportes para aferrar os colectores de lixo en quince novos lugares da zona rural

CEDEIRA INSTALA SOPORTES PARA AFERRAR OS COLECTORES DE LIXO EN QUINCE NOVOS LUGARES DA ZONA RURAL

O Adro (Régoa), Igrexa de Santalla, Carreiro, Arrasa, Cancelo, Transmonte, Lamelas, Figueirido, Cardosa, Saíñas, Palacete, Barral, Sisalde, Vila do Río e Escolar de San Román. Son os nomes dos quince lugares rurais de Cedeira nos que o goberno municipal vén de instalar soportes metálicos para aferrar os contedores de lixo, un proxecto executado pola empresa Prieto Mouriz e cuxo investimento ascendeu a 7.211,60 euros (IVE incluído).

O grupo de goberno entende que é unha prioridade mellorar a suxeición dos colectores que se encontran na zona rural, na que existen un total de 300 unidades pero dos que só unha terceira parte dispoñen do elemento de contención.

Esta situación, segundo o executivo local, representa “un prexuízo para a veciñanza cando atopan os contedores tirados no chan ou retirados nun espazo distinto do habitual por inclemencias metereolóxicas”.

A construción dunha base de formigón e a instalación do mecanismo metálico correspondente garanten a estabilidade dos colectores, así como un bo funcionamento do servizo de recollida de lixo.