Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira incorpora un festival de coplas ao programa máis tradicional do entroido

CEDEIRA INCORPORA UN FESTIVAL DE COPLAS AO PROGRAMA MÁIS TRADICIONAL
DO ENTROIDO

O primeiro Festival de Coplas de Entroido é a última incorporación introducida polo Concello de Cedeira no calendario de actos que entre o sábado 10 e o 17 de febreiro terán lugar na vila con motivo do Entroido. Trátase dunha iniciativa que persegue abrir participación ao maior número de persoas posibles e para darlle un toque distinto ás celebracións. Os interesados teñen de prazo ata o día 8 para apuntarse no teléfono 649 876 614 ou ben a través do correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.es.

Non por apostar pola novedade o goberno de Cedeira deixa fóra do programa do Entroido os actos que xa son un clásico. Así, o tradicional desfile, co concurso de disfraces incluído, terá lugar o día 10 e repartirá máis de 2.200 euros en premios entre os participantes. O prazo de inscrición finaliza tamén o día 8 de febreiro e as bases do certamen poden ser consultadas na páxina web do Concello (www.cedeira.gal). O desfile sairá ás cinco da tarde da antiga estación de autobuses. A continuación, a festa trasladarase á praza Roxa, onde terán lugar as actuacións e pola noite o baile do Entroido amenizado pola orquestra La Oca.

Os nenos terán a súa propia festa, que será o luns 12 de febreiro nas instalacións do pavillón polideportivo. A cita desenvolverase entre as cinco e oito da tarde. Haberá grupos de animación e inchables.

O Enterro da Sardiña celebrarase o día 17, unha actividade para a que o Concello de Cedeira contará coa axuda do movemento asociativo da localidade.

Desde á concellería de Cultura invítase á veciñanza a secundar con súa presenza as actividades coas que se quere implicar nas celebracións ao maior número de persoas posible, desde nenos ata xente da Terceira Idade.

Pode consultar as bases do certame na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Concursos culturais e deportivos