Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA INCORPORA OS NOVOS CONTEDORES MARRÓNS PARA A RECOLLIDA DE BIORRESIDUOS

O Concello de Cedeira vén de sacar a licitación un contrato para a subministración do equipo e materiais para a implantación do novo sistema de recollida selectiva de biorresiduos. É o contedor marrón, tamén chamado “de quinta fracción”, que os municipios de máis de 5.000 habitantes están obrigados a instalar para cumprir coa lexislación e os obxectivos de reciclaxe de residuos marcados pola Unión Europea. Na vila empregaranse colectores con fechadura, que segundo se ten demostrado, garanten maior compromiso da cidadanía e menos número de impropios nos residuos depositados.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que o contedor marrón permitirá acadar os obxectivos propostos pola UE, aportando beneficios medioambientais, xa que a recuperación por separado de materia orgánica biodegradable redundará nunha mellor recollida selectiva do resto de residuos reciclables, reducindo a cantidade destes que chegan a vertedoiro. Ademais, o biorresiduo terá aproveitamento como fertilizante ou xerador de enerxía.

O concurso publicado polo Concello, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, establece un prezo de 26.509,41€ (IVE incluído) para a subministración de 25 colectores de 800 litros de capacidade e outros 100 de 360 litros. Estes colectores situaranse na vía pública e distribuiranse chaves entre a veciñanza para que poida facer uso deles. Neles poderán depositarse restos de alimentos crus ou cociñados, pelicas de froitas, cascas de ovos e froitos secos, pousos de café e papel de cociña usado, entre outros. Xunto cos citados 125 contedores, na licitación inclúese tamén a subministración de 93 caldeiros domésticos e 744 rollos de bolsas compostables –de 30 bolsas cada un-, que o Concello distribuirá entre a cidadanía para fomentar a participación activa na recollida selectiva dos biorresiduos.

Moreda Gil informou que o Concello conta con axudas, procedentes dos fondos europeos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través da convocatoria feita pola Consellería de Medioa Ambiente, Territorio e Vivenda, para a implantación desta mellora no sistema de recollida de residuos, tanto para a compra dos equipamentos como para a realización de dúas campañas de información e sensibilización da poboación en xeral, por un lado, e dos grandes xeradores de biorresiduos, por outro.

O alcalde destacou o compromiso do goberno local co medio ambiente e o traballo feito nos últimos anos para avanzar na xestión de residuos, entre outras cousas coa compra de novos colectores, o reparto de composteiros domésticos e campañas de sensibilización como a que advirte, ao pé dos sumidoiros na rúa, dos prexuizos de tirar cabichas e outras cousas ao chan.