Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira incentiva a participación da veciñanza no certame Yutubeir@s, que vén de ser premiado

CEDEIRA INCENTIVA A PARTICIPACIÓN DA VECIÑANZA NO CERTAME YOUTUBEIR@S, QUE VÉN DE SER PREMIADO

O Concello de Cedeira promove a participación da veciñanza no certame “Youtubeir@s”, unha iniciativa impulsada polos Servizos de Normalización Lingüística de trece concellos galegos, incluído o local, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

O obxectivo da convocatoria é fomentar e visibilizar o uso do galego en You Tube, buscando principalmente a complicidade a xente moza con premios en metálico que van desde os 500 aos 1.000 euros dependendo da categoría.

Vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos son as catro modalidades abertas á participación de todas as persoas maiores de 14 anos que desexen tomar parte nun certame que premia os vídeos en galego autoproducidos e subidos a You Tube de xeito independiente con data posterior ao 15 de marzo do 2018.

No caso de tratarse de persoas menores de idade, a petición deberá ir acompañada da autorización do pai/nai ou titor/a legal mediante o documento que se fornece na web do proxecto (http://youtubeiras.gal/). O prazo de inscrición finaliza o día 27 do presente mes de setembro. O goberno municipal anima aos veciños e veciñas a implicarse nun proxecto innovador, polo asunto do uso das tecnoloxías, e mesmo motivador, por cando favorece a creatividade, ademais de contribuír á difusión da cultura galega.

Precisamente, este sábado, día 21 de setembro, terá lugar o acto de entrega do premio Mil Primaveras que vén de recibir o proxecto Youtubeir@s polo seu carácter innovador. O acto terá lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra.

Os premios Mil Primaveras son unha iniciativa da coordinadora de traballadores/as de Normalización da Lingua para recompensar e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, darlle visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

No caso de Youtubeir@s, o galardón foille concedido “por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma”, xa que ten unha grande capacidade de atracción na xente nova. Igualmente, o xurado valorou o uso que se fai de linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que “as persoas que transmiten a través de You Tube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en You Tube”.